"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

Amosando publicacións coa etiqueta eventos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta eventos. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de setembro de 2014

No II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio (sOpA14)

Entre o 22 e 27 de setembro celebrase en Celanova o II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio, sOpA14. Un foro de encontro para educar no común, facilitando o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural. Numerosos profesionais e outros axentes vinculados ao patrimonio participarán no evento na procura de mecanismos conxuntos de acción.
E alí estaremos nós, representados por Nieves Amado Rolán, o luns 22 de setembro as 16:25, coa comunicación: 'A loita cidadá en defensa dun uso público e cultural para o castelo de Monterrei'. Este é o resumo da intervención recollido no programa do Congreso:
Movemento social que xorde na comarca de Monterrei (Ourense) para defender un uso público e cultural do Castelo de Monterrei, o maior símbolo patrimonial e identitario da comarca, ante a intención do goberno da Xunta de Galicia de construír un parador de turismo na parte máis nobre da fortaleza, un cambio de uso non permitido na cesión que o Estado fixo á Xunta de Galicia no ano 2010. Este movemento materialízase no mes de xaneiro de 2014, na creación da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei, e noutros colectivos da comarca, que rexeitan este novo uso para o castelo, poñendo de manifesto a fractura e desconexión total entre o modelo de xestión patrimonial da Administración e o que reivindica o movemento participativo veciñal.

A comarca tamén estará representada polos amigos da Asociación Cultural Alto Támega, que desenvolven o Proxecto Alto Támega xunto co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. Froito dese traballo é a exposición que presentan en Celanova, baseada no conto didáctico A viaxe do Cabaliño, inspirado nas lendas do penedos con gravados de ferraduras, interpretados como as pegadas dos saltos de cabalo. O conto relata a historia do cabalo documentado no Penedo das Pisadiñas (Laza), que toma vida e comeza unha viaxe simbólica polos penedos da comarca, para coñecer os lugares máis valiosos, e denunciar a súa situación. No Festival do Alto Támega, celebrado en agosto, propúxoselle aos asistentes participar nun obradoiro, facendo a súa proposta de #saltodecabalo, explicando o motivo no Libro das Pisadiñas e colocando unha etiqueta sobre o mapa do territorio. Así foi construído o mapa simbólico colectivo.