Entre o 22 e 27 de setembro celebrase en Celanova o
II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio,
sOpA14. Un foro de encontro para educar no común, facilitando o acceso e a transmisión
do patrimonio no medio rural. Numerosos profesionais e outros axentes
vinculados ao patrimonio participarán no evento na procura de mecanismos
conxuntos de acción.
E alí estaremos nós, representados por Nieves Amado
Rolán, o luns 22 de setembro as 16:25, coa comunicación: 'A loita cidadá en
defensa dun uso público e cultural para o castelo de Monterrei'. Este é o
resumo da intervención recollido no programa do Congreso:
Movemento social que xorde na comarca de Monterrei
(Ourense) para defender un uso público e cultural do Castelo de Monterrei, o
maior símbolo patrimonial e identitario da comarca, ante a intención do goberno
da Xunta de Galicia de construír un parador de turismo na parte máis nobre da
fortaleza, un cambio de uso non permitido na cesión que o Estado fixo á Xunta
de Galicia no ano 2010. Este movemento materialízase no mes de xaneiro de 2014,
na creación da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei, e noutros
colectivos da comarca, que rexeitan este novo uso para o castelo, poñendo de
manifesto a fractura e desconexión total entre o modelo de xestión patrimonial
da Administración e o que reivindica o movemento participativo veciñal.
A comarca
tamén estará representada polos amigos da Asociación Cultural Alto Támega, que desenvolven
o Proxecto Alto Támega xunto co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e
Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. Froito dese traballo é a exposición
que presentan en Celanova, baseada no conto didáctico A viaxe do Cabaliño,
inspirado nas lendas do penedos con gravados de ferraduras, interpretados como
as pegadas dos saltos de cabalo. O conto relata a historia do cabalo
documentado no Penedo das Pisadiñas (Laza), que toma vida e comeza unha viaxe
simbólica polos penedos da comarca, para coñecer os lugares máis valiosos, e
denunciar a súa situación. No Festival do Alto Támega, celebrado en
agosto, propúxoselle aos asistentes participar nun obradoiro, facendo a súa
proposta de #saltodecabalo, explicando o motivo no Libro das Pisadiñas e
colocando unha etiqueta sobre o mapa do territorio. Así foi construído o mapa
simbólico colectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario