O descubrimento de petroglifos con características diferentes aos
coñecidos, realizado polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e
Territorio da Universidade de Vigo, dirixido por Félix González e unha gran
noticia.
Os investigadores levan dous anos explorando os xacementos das Cuncas
(Vences, Monterrei), Peneda do Mouro (Sandín, Monterrei) e As Pisadiñas (Laza).
Como conclusión ao seu traballo de campo destacan a gran riqueza patrimonial da
bisbarra e a existencia de gravados cun estilo propio.
Desde aquí dámoslle os parabéns e subliñamos a importancia que este
grupo de traballo dá á divulgación e ao aproveitamento social da riqueza
arqueolóxica que herdamos.
Reproducimos abaixo a noticia no Diario da Universidade de Vigo.
Sae á luz un estilo propio de arte rupestre no Alto Támega
Os investigadores do campus de Ourense recalcan o valor
patrimonial deste enclave
Rosa Tedín | Ourense
Durante o mes de agosto un equipo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía,
Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Félix
González, volveu por segundo ano consecutivo á zona ourensá do Alto Támega, na
fronteira con Portugal, para afondar nos restos da Prehistoria recente que nela
se conservan. Unha vez rematado o traballo de campo, os responsables do
proxecto salientan como as descubertas realizadas confirman o alto valor do
patrimonio arqueolóxico da comarca, tanto pola cantidade de elementos presentes
como pola existencia dun estilo propio e diferencial de arte rupestre.
A intervención arqueolóxica, que tivo financiamento da convocatoria do
campus de Ourense e da Deputación Provincial INOU 2014, contou coa participación
de Beatriz Comendador e de bolseiros e voluntarios da Facultade de Historia
ourensá, continuando agora o traballo de laboratorio e con outras liñas de
actuación do proxecto, como a divulgación. “Despois de dúas campañas a
conclusión que extraemos é que a medida que se profunda no estudo do patrimonio
arqueolóxico da zona do Támega confírmase a gran riqueza do mesmo, ata o de
agora pouco estudado alén dos importantísimos estudos de eruditos locais e do
valioso traballo dos numerosos afeccionados á arqueoloxía que habitan alí”,
comenta Félix González.
Especialmente interesante, sinala o director do proxecto, é o estudo da
arte rupestre desta zona, ata o de agora mal caracterizada, xa que parece
responder a un estilo propio que estaría na fronteira entre a Arte Atlántica,
propia das zonas costeiras de Galicia, e a Arte Esquemática, propia do interior
peninsular. En todo caso, recalca, “independentemente da natureza da arte
rupestre, queda fóra de toda dúbida a alta densidade destas manifestacións,
polo que de agora en diante esta zona debe ser tida en conta á hora de elaborar
as grandes sínteses de arte rupestre do Noroeste peninsular”.
Traballos nos petróglifos das Cuncas, de Penedo do Mouro e de Penedo do
Mouro 2
No traballo de campo realizado en agosto os arqueólogos acometeron dúas
accións principais. Por unha banda, remataron os traballos iniciados o ano
pasado no petróglifo das Cuncas, en Vences, Monterrei, delimitando
correctamente o conxunto do afloramento e descartando a existencia de máis
motivos que os rexistrados na anterior campaña. “Tamén se descubriu algún novo
gravado a base de coviñas e círculos nas inmediacións deste petróglifo das
Cuncas, o que revela o gran potencial arqueolóxico que alberga esta zona”,
engade o director do proxecto.
A segunda das actuación consistiu na limpeza e rexistro, mediante calco
sobre plástico e fotogrametría, dos petróglifos de Penedo do Mouro e Penedo do
Mouro 2, ambos en Sandín, tamén en Monterrei. “Os dous petróglifos, pero sobre
todo o do Penedo do Mouro 2, acollen uns motivos moi característicos dos que
ata o momento non coñecemos paralelos na arte rupestre do Noroeste Peninsular,
o que sen dúbida confirma a necesidade de profundar nun estilo de arte rupestre
diferente ao da costa atlántica e ata o de agora pouco coñecido e pouco
estudado”, sinala González. Nas inmediacións destes dous petróglifos
catalogáronse tamén unha nova mámoa e un novo petróglifo, previamente
descubertos por Bruno Rúa.
Reivindicando a divulgación do patrimonio
“Estes novos achados incrementan aínda máis o catálogo de xacementos
arqueolóxicos da zona. Desde o noso punto de vista sería necesario realizar
unha aposta decidida pola posta en valor deste conxunto patrimonial a través da
sinalización do seu acceso e a colocación de paneis informativos, co obxectivo
de ofrecer un mínimo de información sobre o sitio a todo cidadán que se achegue
a visitar o conxunto”, comentan os responsables do proxecto. Precisamente para
divulgar e valorizar este patrimonio, durante o desenvolvemento do traballo de
campos durante o mes de agosto os seus promotores levaron a cabo diferentes
actividades dirixidas a que o público interesado coñecese o traballo que alí se
realiza.
Deste xeito, organizouse unha visita nocturna ao petróglifos das Pisadiñas,
un dos dous conxuntos estudados o ano pasado, a cargo de Beatriz Comendador; no
Festival do Alto Támega os arqueólogos realizaron un obradoiro participativo
sobre arte rupestre destinado a nenos e adultos e tamén se celebrouse unha
conferencia sobre Monterrei entre os séculos IX e XIV, impartida polo profesor
Francisco Javier Pérez no marco das accións de rexeitamento á conversión do
castelo de Monterrei en hotel. “Unha vez máis, a experiencia foi altamente
satisfactoria, demostrándose o grande interese da xente pola salvagarda e por
poñer en valor o seu patrimonio”, salienta Beatriz Comendador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario