Patio das Damas (Monterrei) |
As
mulleres, a metade da humanidade, son as grandes esquecidas da Historia. A
pesar dos esforzos da historiografía recente para sacalas á luz, esta segue a
ser unha tarefa pendente, xusta e necesaria. A historia de Monterrei, non podía
ser doutra maneira, é tamén unha Historia andro-céntrica, de homes e feita por
homes, agás uns cantos traballos asinados por mulleres nos últimos anos. Cando
nos achegamos aos estudos realizados sobre a vila forte de Monterrei ao longo
dos séculos atopamos reis, condes, monxes, militares..., pero moi poucas
mulleres, e case sempre citadas como esposas das elites de poder masculinas.
Nesta historia dos estamentos privilexiados (sen pobo, sen mulleres) hai unha persoa
que, por méritos propios, constitúe unha excepción: Inés de Velasco Tovar.
Dona
Inés, viúva do IV conde de Monterrei, Jerónimo de Acevedo, trasladouse desde
Salamanca ao castelo, cos seus fillos: Melchor, Gaspar e Baltasar 'para que gozasen o froito común, crianza e ensinanza
deste Colexio do que gozaban os fillos dos seus vasalos'. Refírese ao
Colexio dos xesuítas, fundado na fortaleza en 1556, onde estudaron os seus
fillos varóns, que desempeñaron co tempo cargos importantes ao servizo da
monarquía dos Austria. Tivo tamén unha filla, María Pimentel, casada co II Conde
de Olivares, que destacou pola súa relixiosidade e as obras de caridade que
impulsou.
Desde
o primeiro momento quedou claro o interese da condesa viúva por adoptar un
papel activo para mellorar a situación do Condado. Redactou en 1573 unhas
Ordenanzas minuciosas, oitenta e sete, co obxectivo de limitar os abusos dos
axentes do poder, xuíces e escribáns, fomentar a agricultura e o comercio, e
facer máis tolerables as penosas condicións en que vivían os poboadores do
señorío.
Para
o seu fillo Baltasar as Ordenanzas foron un fracaso, porque 'a terra de Galicia é diferente en moitas
cousas á de Castilla e o querela reducir ás mesmas cousas e costumes é
dificultoso e resulta moi inconveniente'. Porén César Vaamonde Lores, en A
Nosa Terra, en 1922, valóraas de xeito distinto: 'Tal é o principal contido deste precioso código, tan compreto, que
todo se trata n-el: justiça, orden, moralidade, beneficencia, servizos
públicos, higiene, agricultura, repoboación forestal, etc... Dudamos que nas
ordenanzas municipais de moitas cidades modernas se estudien estes asuntos tan
minuciosamente. Justo nos parece, pois, rendir aquí tributo de admirazón á
gloriosa da Dona Inés de Velasco y Tovar'.
Dona
Inés sempre prestou unha atención especial á educación, ademais de concederlle
as rendas da parroquia de Medeiros ao Colexio, conseguiu crear unha escola para
nenos en 1575, pedíndolle aos Superiores da Orde 'persoas que ensinen aos nenos do condado a ler e escribir, por ser o
fundamento máis necesario para as outras artes, e do que hai máis falta nesta
terra'.
Ao
mesmo tempo propúxose converter o Estudo Xeral de Monterrei en universidade. A
autorización para conceder os distintos graos dependía do rei e do Papa. Mandou
a Roma ao licenciado Cisneros, abríndose un proceso longo, de máis de vinte anos,
que rematou fracasando por falta de diñeiro, xa que o Papa e a Compañía non
consideraban suficientes os case 2.000 ducados ofrecidos polo condado de
Monterrei.
A
pesar do fracaso da Universidade o Colexio acadou tal prestixio baixo o impulso
de Dona Inés que a finais do s. XVI tiña arredor de 1.500 alumnos procedentes
de toda Galicia e do norte de Portugal.
No
ano 1608 foi soterrada en Salamanca esta nobre muller que destacou por acadar
un protagonismo excepcional entre as damas da época e polo seu altruísmo,
valéndose da súa posición social para, dentro dos límites do seu tempo, aliviar
as fatigas do pobo, fomentando a educación como ferramenta de progreso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario