O cigarrón, tamén chamado peliqueiro (na parte de Laza) –e felo en Maceda–, é a máscara máis importante e representativa do Val de Verín. Sobre as súas orixes e antigüidade corren varias versións; en Laza existe a lenda de que os peliqueiros eran servintes ou homes que pertencían á garda do Conde de Monterrei, que ían de vez en cando por alí para cobrarlles o tributo imposto polo Sr. Conde. Outra versión coñecida é que os cigarróns axudaban o Conde nas cacerías –ás que este era moi afeccionado–, choutando pola enfoscada facendo soar os chocallos para que saíra a caza a lugar apropiado. Dicir que a lenada está aí, saída do pobo, comentada e analizada por uns e por outros, pero o certo é que as verdadeiras orixes da máscara pérdense en tempos ben antigos da que posiblemente aínda quedan para mostra compoñentes de tipo zodárico como pode ser a pelica ou mesmo outros aspectos rituais no seu comportamento.
Xesús Taboada Chivite corrobora estas versións sobre as orixes dos cigarróns:(...)
A máscara de cigarrón consta das seguintes partes, unha carauta con forma humana, feita de madeira –cortada en boa lúa–, na que resaltan pintadas as cellas, as pestanas, as meixelas, uns amplos e retorcidos bigotes, barba (feita de pel de lebre) e a boca entreaberta mostrando os dentes e deixando entrever un cínico sorriso. Na parte superior da carauta leva unha especie de mitra feita con lamia de lata, na que se pintan predominantemente animais salvaxes, antigamente tamén se lle pintaban motivos vexetais ou astrais; nos extremos da parte inferior colga un pondón por cada lado de cor verde e vermello, preferentemente. A mitra pola parte posterior leva unha pelica de animal salvaxe, colgando en forma de rabo polas costas; dende a parte máis alta da mitra colgan tamén uns longos penachos de rabo de cabalo. A carauta está feita con madeiras de bido ou amieiro, por ser madeiras boas de traballar, correosas e lixeiras; no seu conxunto vén pesando aproximadamente quilo e medio.
O resto da vestimenta que emprega o cigarrón consta dunha camisa de cor branca, con gravata preferentemente de cor vermella; unha curta chaquetiña adornada con galóns e ornamentos dourados. Nos hombreiros da chaquetiña leva unhas xarreteiras de tipo militar das que colgan flocos dourados. A chaquetiña cerra na parte frontal cunhas cintas de cores, en lazada. Amarrado a chaquetiña cuns broches, leva un pano de varias cores, posto por enriba das charretas e colgando polas costas. Na cintura leva unha apertada faixa e por riba dela un cinto con grandes chocallos que penduran pola parte de atrás, entreverando os machos (de son grave) e as femias (de son agudo) para que soen ben a medida que se move o cigarrón. Tapando parte das pernas viste un curto calzón con varias rondas de flocos ou pondóns (sobre 220) sobrepostos de cor branca e borlas (pondóns máis grandes) de varias cores nos laterais. No resto das pernas leva medias brancas que cobren ata os xeonllos, suxeitas con ligas. Nos pés levan calzado baixo de cor negra. E na man portan unha especie de látego ou tralla de coiro.
O conxunto do traxe que viste o cigarrón ou peliqueiro sobe dos mi douscentos euros, dado que a súa confección é totalmente artesanal e require moito tempo para facelo. Moitas costureiras e xastres –como os Añel de Castro de Laza– pasan dende o ano novo, polas noites, cosendo nos traxes para podelos ter rematados nas datas de entroido.
O cigarrón chouta e corre polas rúas, facendo soar os chocallos con estridente e acompasado son, batendo co seu látego ou tralla a cantos se cruzan no seu camiño. Nunca fala nin saca a carauta. É respectado por todos, ao que ninguén toca nin lle bota fariña, auga, cinsa, etc.
Mitos, crenzas e costumes da raia seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa; José Rodríguez Cruz, Antonio Lourenço Fontes; editorial Ir Indo (2004) pax. 281-283
Aquí tedes un estupendo vídeo realizado por Manu Sanmamede, onde se amosa o proceso de fabricación dunha careta de cigarrón, enlazando o cigarrón e o castelo de Monterrei, como dous elementos fundamentais do patrimonio sentimental dos habitantes da comarca: Cigarrón, volta a orixe.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario