"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

martes, 6 de xaneiro de 2015

Nas beiras do Larouco, de Antonio Rodríguez Colmenero

"(...) Saceda é un fitotopónimo, esto é, un nome de lugar derivado dunha especie vexetal, o salgueiro, que en latín é salix e na versión adxetival neutra plural pode dar salliceta, salgueiral, que é o mesmo que Saceda.
Pero Saceda enterra as súas raíces históricas moi fondo, xa en época prerromana. Non cabe dúbida que na etapa máis pura da cultura máis tipicamente castrexa foi a capital e punto de referencia de todo o val; mais non a aldea actual senon o seu castro, ó que lle chaman Cidá, o que posúe unha localización ideal no medio dunha chaira de terras diversamente fértiles, pero en todo caso variadas e ás veces ricas, o mesmo desde a vertente agrícola que pastoril. O outeiro móstrase escarpado polo sur e occidente, de fácil acceso polo leste e suavemente expandido en derrame polo norte.
(...)
O xacemento castrexo componse de varios recintos singularmente concatenados, de tal xeito que, mentres para o sur, o lugar de máis difícil acceso, existe unha soa muralla, para noroeste chegan a contabilizarse ata catro sucesivas. O segredo radica na disposición, non concéntrica, senón imbricada dos aneis defensivos, que se espacian cara o norte seguindo a cadencia dunha máis ampla superficie do castro.
Na parte de oriente aínda é adiviñable a liña dun grande foxo, imprescindible a causa da vulnerabilidade desta banda da fortaleza castrexa.
(...)

Nas beiras do Larouco. Roteiros pola Natureza e a Historia. Antonio Rodríguez Colmenero. Concello de Cualedro; Secretaría Xeral para o Turismo. 1995 (pax. 83)

Ningún comentario:

Publicar un comentario