"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

mércores, 10 de xuño de 2015

A nosa Asociación colabora no Ciclo Arqueoloxía Transfronteiriza


O Ciclo #ArqueoloxíaTransfronteiriza celebrarase ao longo dun ano, no que diversas personalidades de ámbolos dous lados da raia tratarán diversos temas relativos aos recursos patrimoniais.
O obxectivo é presentar unha panorámica do patrimonio cultural transfronteirizo dende diversos puntos de vista, en relación coa investigación. Está organizado por o Grupo de Arqueoloxía de Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, o Concello de Castrelo do Val e colaboran diversas Asociacións Culturais do Val de Monterrei.A #palestra1 será impartida pola doutora Marta Díaz Guardamino Uribe, actualmente investigadora postdoutoral na Universidade de Southampton (UK). En relación coa estatua da Pedralta de Castrelo do Val, tratará a temática da súa tese de doutoramento, dirixida polo Prof. Martín Almagro, sobre as Estelas Decoradas na Prehistoria da Península Ibérica. Será unha interesante palestra sobre a presencia deste tipo de estatuas e o seu significado na paisaxe. A investigadora participa no ciclo a través dunha axuda para visitas de investigadores solicitada polo Grupo de Arqueoloxía de Antigüidade e Territorio, á Vicerreitoría de Investigación da Universidade de Vigo.
Estas palestras estas abertas a todo o publico en xeral.


martes, 2 de xuño de 2015

Páxina adicada a Joaquín e Antonio, vítimas do campos de exterminio nazis


Joaquín Balboa naceu en Estevesiños. Antonio Pérez naceu en Albarellos. O seu compromiso político e os avatares da...
Posted by Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei a Mauthausen on Luns, 1 de Xuño de 2015

luns, 20 de abril de 2015

Blog da Asociación Cultural: MONTERREI, CULTURA E PATRIMONIO

Este blog pasa a ser o espazo web da asociación cultural creada desde a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei para seguir coa loita polo uso público e cultural do castelo, pero tamén para o estudo, difusión e valorización do patrimonio cultural e natural da comarca, tal e como se recolle no apartado correspondente dos estatutos que reproducimos abaixo.

Artigo 3º.-ÁMBITO XEOGRÁFICO:  A Asociación, en funcións dos seus fins e alcance, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito da Comarca de Monterrei, no que quedan comprendidos os concellos de: Monterrei, Verín, Oímbra, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós e Cualedro, se ben tamén terá como zonas de influencia e actuación, as comarcas limítrofes da Limia e Conso-Frieiras, o norte de Portugal, e en xeral toda Galicia.
Artigo 5º.-FINS: entidade sen ánimo de lucro co obxectivo principal de investigar, promover, divulgar, apoiar e defender calquera aspecto cultural, patrimonial, científico, artístico ou natural que  fundamentalmente afecte ou interese á comarca de Monterrei (Ourense), ao seu desenvolvemento e promoción, e calquera outro que incida na mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
En particular (con carácter enunciativo e non limitativo), a asociación:
1.            Fomentará o coñecemento, difusión, defensa e promoción do importante patrimonio histórico, artístico, monumental, antropolóxico, cultural e natural da Comarca de Monterrei, e velará polo seu mantemento e conservación.
2.            Investigará e defenderá o medio ambiente, e de xeito especial os nosos ríos, bosques e demais paraxes naturais.
3.            Promoverá especialmente a colaboración con entidades culturales, científicas e artísticas das comarcas limítrofes e do norte de Portugal.
4.            Poderá organizarse en seccións tales como HISTORIA E PATRIMONIO, PATRIMONIO INMATERIAL E ANTROPOLOXIA, PATRIMONIO  NATURAL, ARTE, ENOLOXIA, MODA, HIDROLOXÍA ….etc
5.            Poderá acordar a creación temporal de GRUPOS DE TRABALLO MULTIDISCIPLINARES para actividades específicas, cando o considere necesario, como a defensa do Patrimonio Cultural (PC) ou o Patrimonio Natural (PN)
6.            Cooperará con institucións académicas, autoridades, fundacións, outras asociacións, e persoas no obxecto e fins desta Asociación.
7.            Cooperará cos centros educativos da comarca para fomentar o coñecemento e valoración do patrimonio entre o alumnado
8.            Promoverá a participación activa dos veciños e veciñas na defensa dos recursos patrimoniais e naturais que lles pertencen.
9.            Promoverá toda clase de publicacións, en papel ou online: organizará conferencias, xornadas, congresos, exposicións, viaxes de estudio, publicará monografías, revistas, documentais…
10.         Promoverá a catalogación do PC e PN coa creación de Arquivos Históricos, Arqueolóxicos, Biolóxicos, Etnográficos ou Artísticos a fin de conservar na comarca fontes documentais de consulta abertas aos investigadores que o soliciten.

xoves, 16 de abril de 2015

Os lagares de pedra da comarca de Monterrei

Eduardo Castro
A Vitis balbiana apareceu na Terra no Terciario (65.000.000 de anos). A Vitis vinifera chegou máis tarde. O home fixo das vides salvaxes viñas cultivadas. Traballou, podou, inxertou, vendimou, pisou as uvas, esmagounas e, o zumo así obtido, bebeuno, toda unha cultura. As uvas eran pisadas cos pés, de seguro nos “lagares cavados na rocha”, esmagadas e máis tarde prensadas, técnica que xa cos romanos se foi perfeccionando, e chegou hasta os tempos actuais.

Xosé Posada no seu libro “Metafísica del vino”, faise eco dun pasaxe bíblico, que dice Noé plantou a primeira viña e colleu a primeira borracheira. Castigou o seu fillo Cam, a servir ós seus irmáns Sem e Jafeth, non o deseredou, especializáronse en viño e puxo a primeira taberna, fíxose rico.
Os babilonios por o ano 5.000 a. C. Tiñan os xardíns colgantes cheos de parras, que debían ser coma vides altas, tipo Salnés ou viño verde. Uns 4.000 anos a. C. Pasou o viño a Exipto, tamén en parras.
Eduardo Castro en lagares de Oímbra e Medeiros
Grecia co Deus Dionisios, Roma con Baco. Tanto gregos como romanos bebían viño, pero misturado con auga.
Estrabón redacta a súa xeografía no fin do século I a. C. Pero recolle noticias moito máis antigas. Dice dos galaicos “están escasos de viño e o que conseguen gástano rapidamente en festas coas familias”, dice tamén, que o bebían ata as mulleres, puro, sen misturar en auga.
O gran poeta galego Manuel María, dice no prólogo do libro Metafísica del Vino, de Xosé Posada, “Entre os nosos coñecimentos posuíamos un irrefutábel: Do único que non se pode dubitar é do viño. Na Galiza cultívase desde sempre”.
Dicen que Noé chegou a terra despois de pasar na auga cento cincuenta días, dos que choveu moito en corenta, con corenta noites, rodeado da súa familia e moitos animais de tódalas especies. Plantou a viña vendimouna exprimíu a uva e fíxoa fermentar. Parece que sempre se pisou, exprimíu e logo prensou, de seguro en “Lagares cavados na rocha”, rupestres.
Son de moitas maneiras, redondos, ovalados, irregulares, cuadrados, rectangulares. Dimensións entre 2 x 3, ancho – longo e 0’5 ou 0’1 de profundidade. Teñen unha pileta ou calcatorium onde se pisan as uvas, canle ou bicorollo que o une co pío, depósito para recoller o mosto, case sempre pechado, rectangular ou oval que obrigaba a usar un pelexo, dorna, canado, ola, vasixa..., para recoller o líquido e levalo ás casas ou adegas.
Don Xesús Taboada, na súa separata do Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, tomo XIV, anos 1943/44, El Castro de Medeiros, di na páxina 9, “La construcción llamada Os vidros, es indudablemente un lagar del tipo que sin variación, ha perdurado hasta nuestros días. Hay hata unos treinta en los alrededores del castro... Di tamén que a persistencia de esti tipo a través de épocas moi diversas non permite datalos con exactitude. Conta que neles atopouse cerámica romana e o sistema de prensa é de tradición romana.
Os paisanos chámanos lagar dos mouros, lagar romano ou soio lagar. Témolos atopado, case sempre en sitios onde houbo viñas, en termos que hoxe chaman, Os Lagares, As Viñas, Os Bacelos, Cortiñas do Lagar e cousas así, sempre relacionadas con vides ou viño. Penso que os nosos antigos facían na viña unha especie de mosto branco ou clarete, logo aprenderon a fermentar ben e separaron o branco do tinto.
Dícenme algúns paisanos, que tamén eran de aceite, e en dous casos, un na Pedrosa (Cualedro) e outro en Oímbra, eran de liñaza.
Federico Justo Méndez ensinoume o primeiro lagar rupestre en Medeiros (A Chaira), hoxe identificado coma GA32050042, é un dos que dicen os veciños era tamén de aceite. Pode ser, o pío onde se recollía o líquido ten dous niveis, coma para recoller por decantación, botando auga quente na pileta ou clacatorium, que logo queda no fondo do pío.
Busquei logo lagares, máis de dez anos, sempre acompañado de amigos tan curiosos coma min nas cousas da historia e do medio ambiente, o Reigada, o Feijoó de Oliveira, os Vega, Bergantiños, Estévez, Nipis, falando con xente das aldeas, montes, campos e camiños.
Esas pedras nas que se facían viños, difícil poñelas no tempo, medievais, romanos ou no tempo dos mouros, esa xente que moraban aquí cando viñeron os romanos, e que os lugareños coñecen por “mouros”.
No pasado ano, nun proxecto de posta en valor de recursos turísticos, Portas de Galicia: Xeodestino Verín – Viana encargoulle aos historiadores – arqueólogos Alberte Reboreda Carreira e Eduardo Breogán Nieto, co documentalista Víctor Rodríguez Muñiz, a prospección arqueolóxica, e documentación de lagares rupestres na Comarca de Monterrei (Ourense). Colaboramos nesta investigación, o colectivo ecocultural Rexiomontanos do que fago parte.
Informe-Memoria Prospección Arqueolóxica e Documentación de Lagares Rupestres na Comarca de Monterrei (Ourense):
* O Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia recollía nesta comarca, ata o momento actual, a existencia dos lagares rupestres que a continuación se relacionan:
a) Lagares rupestres (3) de Vilar (Monterrei)- GA32050037
b) Lagar rupestre da Carreira Blanca2 (Monterrei)- GA32050042
c) Lagar rupestre da Porbaila / O Forno (Oimbra)- GA32053005 O topónimo da paraxe na que se localiza este lagar é, en realidade, A Chaira, e así se consigna agora na ficha.
d) Lagar dos Mouros / Lagar do Outeiro de Penalonga3 (Oimbra)-GA32053007
e) Lagar rupestre das Poulas do Outeiro4 (Oimbra)- GA32053006
f) Lagar rupestre da Capela de San Antón (Verín)- GA32085050
g) Lagar rupestre e cova de Felgoso (Verín)- GA32085036
* A maiores documentamos na comarca os lagares que seguen:
Lagar rupestre da Burrequiña, Sta María de Monterrei, Monterrei
Lagar rupestre de Casa do Tomás, Medeiros, Monterrei
Lagar rupestre de Os Pilos Sta María de Monterrei, Monterrei
Lagar rupestre do Castro de Medeiros, Medeiros, Monterrei
Lagar rupestre dos Bridos, Medeiros, Monterrei
Lagar rupestre do Outeiro dos Bideiros, Medeiros, Monterrei
Lagar rupestre de A Fecha, Bousés, Oímbra
Lagar rupestre de A Quinta, O Rosal, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre de Atapadiña, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre de As Taralleiras, Casas dos Montes, A Granxa, Oímbra
Lagar rupestre de A Granxa, Oímbra
O topónimo da paraxe na que se localiza este lagar é, en realidade, A Ribeira de Fornos, e así se consigna agora na ficha.
O topónimo da paraxe na que se localiza este lagar é, en realidade, A Tapadiña, e así se consigna agora na ficha.
Machada, Casas dos Montes
Lagar rupestre de O Patulo, Casas dos Montes, A Granxa, Oímbra
Lagar rupestre de As Viñas, A Granxa, Oímbra
Lagar rupestre de A Cortiña do Lagar, Videferre, Oímbra
Lagar rupestre de Ceche, Videferre, Oímbra
Lagar rupestre do Penedo da Vela, Videferre, Oímbra
Lagar rupestre da Ribeira de Fornos, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre de Xan Preto, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre do Carregal, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre do Pina, O Rosal, Sta María de Oímbra, Oímbra
Lagar rupestre de O Souto, Lagar dos Mouros, San Cibrao, Oímbra
Lagar rupestre de Arzán, Espiño, Videferre, Oímbra
Lagar rupestre de O Trughán, San Millao, Cualedro
Conxunto de lagares rupestres (3) de A Baira, San Millao, Cualedro
Lagar rupestre de O Santo, A Pedrosa, A Xironda, Cualedro
Lagar rupestre de A Teixugueira, Mandín, Verín
Lagar rupestre do Río de Fornos, Riguifornos, Feces de Cima, Verín
Lagar rupestre de Cabreira, Cabreiroá, Verín
Lagar rupestre de O Pozo do Demo, Cabreiroá, Verín
Tipoloxías
Tomando como factor diferenciador a localización, os lagares apareceren maioritariamente de forma unitaria, mais existen algúns conxuntos espectaculares de dous e incluso tres exemplares, como no caso dos lagares de Vilar (Monterrei).
Se atendemos á súa funcionalidade, a diferenza do que acontece cos lagares de La Rioja, cómpre distinguir dúas modalidades ben diferenciadas:
Lagares de pisado: son unha minoría na comarca, e constitúen os exemplos máis arcaicos e primitivos de todos os exemplares documentados.
Lagares de prensado: son os máis numerosos; contaron cunha estrutura de prensado mecánica que se encaixaba nuns encastres laterais á pileta principal.
Temos localizado xa tres máis, en As Chas, Medeiros e Videferre, e pode haber algún en Terroso, As Chas, Videferre, A Granxa e Bouses.
Conta o Profesor Adérito Medeiros Freitas, no seu libro Lagares cavados na rocha, que cando preguntaba nas aldeias por lagares as xentes decían que por alí non había, tiñan perdida a memoria da súa existencia. Pasounos igual, os lagares de Valpaços e de Monterrei son case iguais, lagaretas, pías, dornas, bicorollo. El escribe o libro en 2010 pero o primeiro cntacto cos lagares foi en setembro de 1980, co Prof. Dtor. Santos Junior nas proximidades do Castro de Curalha (Chaves), logo outro en Panoias descrito por Santos Junior, quer describe tamén Rodríguez Colmenero no seu libro O Santuario Rupestre Galaico Romano de Panoias (1999) “Espazo cultural ou lagar agrícola. Dice que tamén a finais dos 80 lle diu Santos Junior catro fotografías, feitas o 18 de agosto de 1960, a un lagar cavado na rocha en Chaves, na Quinta da Condeixa.
Nos temos visto moitos en aldeas fronteirizas, Vilar de Perdizes, máis de dez, no Cambedo tres, em Vila-Verde-da-Raia dous, e decimos pode haber algún por Lamadarcos e Mairos.
Nesto do viño parecémonos tamén moito deste e do outro lado da Raia. Somos Galaico – Transmontanos.
Eduardo Castro