"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

luns, 29 de setembro de 2014

O que quere a Plataforma

Aínda que as reivindicacións da Plataforma necesariamente se repiten en todas as actuacións públicas, no folleto que entregamos na mesa informativa instalada en Ourense o 27 de setembro tedes un resumo sinxelo das peticións, do que reclamamos para Monterrei.



xoves, 25 de setembro de 2014

Documental de 1929


A primeira longametraxe documental feita en Galicia, no 1929, con imaxes das catro provincias. Contra o minuto 1.32.00 aparecen as imaxes do Castelo de Monterrei, que amosan a grandiosidade da fortaleza. As imaxes pertencen ao CGAI e pagan ben a pena.

martes, 23 de setembro de 2014

Presentación no SOPA14:2nd International Congress for Heritage Socialisation in Rural Areas

A nosa compañeira Nieves Amado Rolán acompañou o seu relatorio no II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio, sOpA14, desta Presentación. Os asistentes congratuláronse ante a cantidade e diversidade das actuacións levadas a cabo pola Plataforma, mesmo cualificando ao noso colectivo como 'un dos movementos de futuro máis importantes'. E si, esa é a nosa intención, continuar ata que recuperemos o castelo para uso público e cultural. Se queredes saber o que se fixo e o que se prevé facer no futuro botádelle unha ollada. Paga a pena.
 

mércores, 17 de setembro de 2014

No II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio (sOpA14)

Entre o 22 e 27 de setembro celebrase en Celanova o II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio, sOpA14. Un foro de encontro para educar no común, facilitando o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural. Numerosos profesionais e outros axentes vinculados ao patrimonio participarán no evento na procura de mecanismos conxuntos de acción.
E alí estaremos nós, representados por Nieves Amado Rolán, o luns 22 de setembro as 16:25, coa comunicación: 'A loita cidadá en defensa dun uso público e cultural para o castelo de Monterrei'. Este é o resumo da intervención recollido no programa do Congreso:
Movemento social que xorde na comarca de Monterrei (Ourense) para defender un uso público e cultural do Castelo de Monterrei, o maior símbolo patrimonial e identitario da comarca, ante a intención do goberno da Xunta de Galicia de construír un parador de turismo na parte máis nobre da fortaleza, un cambio de uso non permitido na cesión que o Estado fixo á Xunta de Galicia no ano 2010. Este movemento materialízase no mes de xaneiro de 2014, na creación da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei, e noutros colectivos da comarca, que rexeitan este novo uso para o castelo, poñendo de manifesto a fractura e desconexión total entre o modelo de xestión patrimonial da Administración e o que reivindica o movemento participativo veciñal.

A comarca tamén estará representada polos amigos da Asociación Cultural Alto Támega, que desenvolven o Proxecto Alto Támega xunto co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. Froito dese traballo é a exposición que presentan en Celanova, baseada no conto didáctico A viaxe do Cabaliño, inspirado nas lendas do penedos con gravados de ferraduras, interpretados como as pegadas dos saltos de cabalo. O conto relata a historia do cabalo documentado no Penedo das Pisadiñas (Laza), que toma vida e comeza unha viaxe simbólica polos penedos da comarca, para coñecer os lugares máis valiosos, e denunciar a súa situación. No Festival do Alto Támega, celebrado en agosto, propúxoselle aos asistentes participar nun obradoiro, facendo a súa proposta de #saltodecabalo, explicando o motivo no Libro das Pisadiñas e colocando unha etiqueta sobre o mapa do territorio. Así foi construído o mapa simbólico colectivo.

martes, 16 de setembro de 2014

Unha muller extraordinaria: Inés de Velasco Tovar

Patio das Damas (Monterrei)
As mulleres, a metade da humanidade, son as grandes esquecidas da Historia. A pesar dos esforzos da historiografía recente para sacalas á luz, esta segue a ser unha tarefa pendente, xusta e necesaria. A historia de Monterrei, non podía ser doutra maneira, é tamén unha Historia andro-céntrica, de homes e feita por homes, agás uns cantos traballos asinados por mulleres nos últimos anos. Cando nos achegamos aos estudos realizados sobre a vila forte de Monterrei ao longo dos séculos atopamos reis, condes, monxes, militares..., pero moi poucas mulleres, e case sempre citadas como esposas das elites de poder masculinas. Nesta historia dos estamentos privilexiados (sen pobo, sen mulleres) hai unha persoa que, por méritos propios, constitúe unha excepción: Inés de Velasco Tovar.
Dona Inés, viúva do IV conde de Monterrei, Jerónimo de Acevedo, trasladouse desde Salamanca ao castelo, cos seus fillos: Melchor, Gaspar e Baltasar 'para que gozasen o froito común, crianza e ensinanza deste Colexio do que gozaban os fillos dos seus vasalos'. Refírese ao Colexio dos xesuítas, fundado na fortaleza en 1556, onde estudaron os seus fillos varóns, que desempeñaron co tempo cargos importantes ao servizo da monarquía dos Austria. Tivo tamén unha filla, María Pimentel, casada co II Conde de Olivares, que destacou pola súa relixiosidade e as obras de caridade que impulsou.
Desde o primeiro momento quedou claro o interese da condesa viúva por adoptar un papel activo para mellorar a situación do Condado. Redactou en 1573 unhas Ordenanzas minuciosas, oitenta e sete, co obxectivo de limitar os abusos dos axentes do poder, xuíces e escribáns, fomentar a agricultura e o comercio, e facer máis tolerables as penosas condicións en que vivían os poboadores do señorío.
Para o seu fillo Baltasar as Ordenanzas foron un fracaso, porque 'a terra de Galicia é diferente en moitas cousas á de Castilla e o querela reducir ás mesmas cousas e costumes é dificultoso e resulta moi inconveniente'. Porén César Vaamonde Lores, en A Nosa Terra, en 1922, valóraas de xeito distinto: 'Tal é o principal contido deste precioso código, tan compreto, que todo se trata n-el: justiça, orden, moralidade, beneficencia, servizos públicos, higiene, agricultura, repoboación forestal, etc... Dudamos que nas ordenanzas municipais de moitas cidades modernas se estudien estes asuntos tan minuciosamente. Justo nos parece, pois, rendir aquí tributo de admirazón á gloriosa da Dona Inés de Velasco y Tovar'.
Dona Inés sempre prestou unha atención especial á educación, ademais de concederlle as rendas da parroquia de Medeiros ao Colexio, conseguiu crear unha escola para nenos en 1575, pedíndolle aos Superiores da Orde 'persoas que ensinen aos nenos do condado a ler e escribir, por ser o fundamento máis necesario para as outras artes, e do que hai máis falta nesta terra'.
Ao mesmo tempo propúxose converter o Estudo Xeral de Monterrei en universidade. A autorización para conceder os distintos graos dependía do rei e do Papa. Mandou a Roma ao licenciado Cisneros, abríndose un proceso longo, de máis de vinte anos, que rematou fracasando por falta de diñeiro, xa que o Papa e a Compañía non consideraban suficientes os case 2.000 ducados ofrecidos polo condado de Monterrei.
A pesar do fracaso da Universidade o Colexio acadou tal prestixio baixo o impulso de Dona Inés que a finais do s. XVI tiña arredor de 1.500 alumnos procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal.

No ano 1608 foi soterrada en Salamanca esta nobre muller que destacou por acadar un protagonismo excepcional entre as damas da época e polo seu altruísmo, valéndose da súa posición social para, dentro dos límites do seu tempo, aliviar as fatigas do pobo, fomentando a educación como ferramenta de progreso.

mércores, 10 de setembro de 2014

Monterrei, o espazo xeográfico

Esta presentación 'O espazo xeográfico de Monterrei' inicia a publicación das actividades destinadas ás aulas. A través do coñecemento do espazo xeográfico no que asenta a fortaleza traballaremos conceptos xeográficos básicos como a percepción do espazo, a interpretación de distintos tipos de mapas, a relación entre o representación cartográfica e a realidade coa análise de fotografías aéreas e satélite, a ocupación humana do territorio, a localización...
Despois dun grupo de actividades baseadas en mapas, planos e fotografías, remátase a presentación con dous exercicios sinxelos de repaso, un test e frases verdadeiro/falso. Tamén se inclúen a maioría das imaxes utilizadas nos exercicios nun formato máis grande para velas con maior detalle.


Xeografía de Verín e Comarca; en Verín y comarca, de Adolfo Rolán Fernández, Everest, 1994

(en castelán no orixinal)

A Comarca de Monterrei ou de Verín, centrada na vila do mesmo nome, está formada polos municipios de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, que ao mesmo tempo son membros da Mancomunidade de Municipio da Comarca. Abranguen un total de 82 parroquias, na zona máis meridional de Galicia e limitando con Portugal pola súa parte sur.
Xa Otero Pedrayo sinalaba este val como unha "forma clásica e completa de val", ao oporse unha forma afundida aos relevos montañosos ca rodea, e tamén a súa pertenza á conca do río Duero. Está limitado polas serras de San Mamede, Fial das Corzas ao norte, Serra Seca e Penas Libres ao leste, serra de Larouco polo oeste e pola súa parte sur continúa en Portugal polo val de Amarante.
As maiores elevacións atópanse na parte norte e ao sur soamente sobresaen uns picos illados coma o Farrelo (1.327 metros), Pena Nofre (1.291 metros) e de menor altitude nas inmediacións da vila: Monte Maior (773 metros) e Monte Ladairo (564 metros).
O val, no que se asenta a vila, é unha foxa tectónica atravesada por unha falla, "fractura de Corga", pola que afloran numerosas fontes medicinais, tan coñecidas como Cabreiroá, Sousas ou Fontenova. Ten un desenvolvemento lonxitudinal de 40 km. en territorio español e unha anchura que oscila entre os 50 metros na ponte de Laza e os 8 km. entre Vilaza (Monterrei) e Cabreiroá (Verín).
A orixe tanto do val como das montañas circundantes, débese probablemente ao pregamento alpino, que formou un relevo posteriormente modelado pola erosión, como amosan os depósitos aluviais do fondo do val e o glacis que se estende entre Ábedes e Vilamaior.
O clima pode caracterizarse como "oceánico-continental" polo contraste entre a estación fría e estación cálida, a menor cantidade de precipitacións e o afastamento da influencia do océano. A temperatura media non é excesivamente elevada (10,1º a 11º) e as precipitacións son numerosas no val (1.000 mm) sendo os meses máis húmidos decembro e xaneiro, e o máis seco xullo. Os ventos dominantes son do noroeste e do sur-leste.
Os principais ríos que regan estas terras son: Támega, Mente e Camba. O primeiro é o que atravesa Verín e pasa polo fondo do val e a el nos imos referir: é o máis caudaloso e o de maior conca; nace no Talariño (960 metros), na serra de San Mamede e ten unha lonxitude aproximada de 130 km ata a súa desembocadura no río Douro, en terras portuguesas. Un dos seus afluentes, moi importante desde o punto de vista arqueolóxico (algúns autores identifican a súa pequena cunca co asentamento do Forum Bibalorum romano) é o Búbal (...)

pax. 11-12

martes, 9 de setembro de 2014

El ultimo expolio (os canóns de Monterrei)

Fue el maestro Jesus Taboada, quien, entre sus papeles, conservaba datos inéditos sobre los ultimos expolios que tuvieron como escenario el recinto histórico-monumental de Monterrey. Con el encargo de sacarlos, algun día, a la palestra, recogimos los detalles que ahora, al paso del tiempo, pasamos a reseñar, cumpliendo la vieja promesa del inolvidable Comisario de Monumentos de la Comarca.


De los atentados cometidos al arte y la cultura, queda constancia en publicaciones diversas. Pero, al que hacemos referencia, apenas hay esbozos que al menos desconocemos y que pasamos a exponer. Se trata de la retirada de los cañones, que fuera de sus troneras, permanecían en la zona de fotificación de la Fortaleza, catalogada como Plaza Fuerte, en los documentos del Ministerio de la Guerra y en una visita protocolaria del que en años de postguerra fue Capitan General de Galicia, un acompañante al séquito le dijo en forma expresiva y coloquial que aquellas piezas de bronce habian sido instaladas con fijación a la frontera portuguesa para disparar a los moros.
El Capitán General de la VIII Region, con sede en La Coruña, Muhamed Ben Mizzian Ben Asen -1897-1975- al escuchar aquella expresión desafotunada, hizo una mueca de malhumor, con el propósito de venganza una vez regresase a la capital herculina. Mizzian habia sido alumno de la Academia de Infanteria de Toledo, pasando al Protectorado de Marruecos, donde entabló amistad con mandos españoles y muy en especial con el General Franco. Con el grado de Comandante del Grupo de Regulares de Alhucemas, estuvo al frente del ejército marroquí en las confrontaciones africanas y en la Guerra Civil, llegando a situarse con sus soldados en el cinturón sur del asedio a Madrid, donde resultó herido, ascendiendo, por actuaciones en campaña al generalato, nombrándole Franco Capitán General de Galicia, donde en La Coruña, como dato de su vida familiar, contrajo matrimonio, por el rito musulmán su hija.
Retomando la argumentación del episodio de Monterrey, cuando Mizzian regresó a su despacho coruñés firmó la orden fulminante de desmantelar y retirar las piezas artilleras del Castillo y trasladadas a La Coruña, donde pasaron a formar parte de la decoración mirando al mar en las proximidades del Parque de Sir Jhon Moore y zona aledaña del antiguo Hospital Militar.
El grupo de soldados enviados por Capitanía al Castillo, colocaron los cañones, sobre vehículos del ejercito, con la indicación expresa de hacer un recorrido por las principales calles de Verin, adornando todo el material expoliado con ramaje de los árboles, negrillos, situados en el campo de la feria que entonces mensualmente se celebraba en el Castillo y entre mofas y cánticos los cañones emprendían camino de su nuevo destino y, aunque tal acción, condenable por la manera en que se llevó a efecto la amenaza de Mizzian, sería motivo de reivindicación por los municipios de Alvarellos y Verín, las peticiones no fueron ni escuchadas ni atendidas, por parte del Ministerio del Ejército, cuando el general había terminada su carrera en el ejército español para, con el grado de Mariscal ponerse al frente de las tropas de su país, que recién creado en reino, fue designado embajador del Reino de Marruecos en España.
Queden para la historia de Monterrey estos apuntes y así cumplimos una promesa con el profesor Taboada Chivite, y que aprovechamos para incluír un completo reportaje fotográfico de los archivos de la Agencia Efe.- J.N.
viernes, 21 de marzo de 2008 a las 22:18
Enviado por J.N.L

Máis información:

luns, 8 de setembro de 2014

Descubren un estilo propio de arte rupestre na comarca de Monterrei

O descubrimento de petroglifos con características diferentes aos coñecidos, realizado polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, dirixido por Félix González e unha gran noticia.
Os investigadores levan dous anos explorando os xacementos das Cuncas (Vences, Monterrei), Peneda do Mouro (Sandín, Monterrei) e As Pisadiñas (Laza). Como conclusión ao seu traballo de campo destacan a gran riqueza patrimonial da bisbarra e a existencia de gravados cun estilo propio.
Desde aquí dámoslle os parabéns e subliñamos a importancia que este grupo de traballo dá á divulgación e ao aproveitamento social da riqueza arqueolóxica que herdamos.
Reproducimos abaixo a noticia no Diario da Universidade de Vigo.

Sae á luz un estilo propio de arte rupestre no Alto Támega
Os investigadores do campus de Ourense recalcan o valor patrimonial deste enclave
Rosa Tedín | Ourense
Durante o mes de agosto un equipo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Félix González, volveu por segundo ano consecutivo á zona ourensá do Alto Támega, na fronteira con Portugal, para afondar nos restos da Prehistoria recente que nela se conservan. Unha vez rematado o traballo de campo, os responsables do proxecto salientan como as descubertas realizadas confirman o alto valor do patrimonio arqueolóxico da comarca, tanto pola cantidade de elementos presentes como pola existencia dun estilo propio e diferencial de arte rupestre.
A intervención arqueolóxica, que tivo financiamento da convocatoria do campus de Ourense e da Deputación Provincial INOU 2014, contou coa participación de Beatriz Comendador e de bolseiros e voluntarios da Facultade de Historia ourensá, continuando agora o traballo de laboratorio e con outras liñas de actuación do proxecto, como a divulgación. “Despois de dúas campañas a conclusión que extraemos é que a medida que se profunda no estudo do patrimonio arqueolóxico da zona do Támega confírmase a gran riqueza do mesmo, ata o de agora pouco estudado alén dos importantísimos estudos de eruditos locais e do valioso traballo dos numerosos afeccionados á arqueoloxía que habitan alí”, comenta Félix González.
Especialmente interesante, sinala o director do proxecto, é o estudo da arte rupestre desta zona, ata o de agora mal caracterizada, xa que parece responder a un estilo propio que estaría na fronteira entre a Arte Atlántica, propia das zonas costeiras de Galicia, e a Arte Esquemática, propia do interior peninsular. En todo caso, recalca, “independentemente da natureza da arte rupestre, queda fóra de toda dúbida a alta densidade destas manifestacións, polo que de agora en diante esta zona debe ser tida en conta á hora de elaborar as grandes sínteses de arte rupestre do Noroeste peninsular”.

Traballos nos petróglifos das Cuncas, de Penedo do Mouro e de Penedo do Mouro 2
No traballo de campo realizado en agosto os arqueólogos acometeron dúas accións principais. Por unha banda, remataron os traballos iniciados o ano pasado no petróglifo das Cuncas, en Vences, Monterrei, delimitando correctamente o conxunto do afloramento e descartando a existencia de máis motivos que os rexistrados na anterior campaña. “Tamén se descubriu algún novo gravado a base de coviñas e círculos nas inmediacións deste petróglifo das Cuncas, o que revela o gran potencial arqueolóxico que alberga esta zona”, engade o director do proxecto.
A segunda das actuación consistiu na limpeza e rexistro, mediante calco sobre plástico e fotogrametría, dos petróglifos de Penedo do Mouro e Penedo do Mouro 2, ambos en Sandín, tamén en Monterrei. “Os dous petróglifos, pero sobre todo o do Penedo do Mouro 2, acollen uns motivos moi característicos dos que ata o momento non coñecemos paralelos na arte rupestre do Noroeste Peninsular, o que sen dúbida confirma a necesidade de profundar nun estilo de arte rupestre diferente ao da costa atlántica e ata o de agora pouco coñecido e pouco estudado”, sinala González. Nas inmediacións destes dous petróglifos catalogáronse tamén unha nova mámoa e un novo petróglifo, previamente descubertos por Bruno Rúa.

Reivindicando a divulgación do patrimonio
“Estes novos achados incrementan aínda máis o catálogo de xacementos arqueolóxicos da zona. Desde o noso punto de vista sería necesario realizar unha aposta decidida pola posta en valor deste conxunto patrimonial a través da sinalización do seu acceso e a colocación de paneis informativos, co obxectivo de ofrecer un mínimo de información sobre o sitio a todo cidadán que se achegue a visitar o conxunto”, comentan os responsables do proxecto. Precisamente para divulgar e valorizar este patrimonio, durante o desenvolvemento do traballo de campos durante o mes de agosto os seus promotores levaron a cabo diferentes actividades dirixidas a que o público interesado coñecese o traballo que alí se realiza.

Deste xeito, organizouse unha visita nocturna ao petróglifos das Pisadiñas, un dos dous conxuntos estudados o ano pasado, a cargo de Beatriz Comendador; no Festival do Alto Támega os arqueólogos realizaron un obradoiro participativo sobre arte rupestre destinado a nenos e adultos e tamén se celebrouse unha conferencia sobre Monterrei entre os séculos IX e XIV, impartida polo profesor Francisco Javier Pérez no marco das accións de rexeitamento á conversión do castelo de Monterrei en hotel. “Unha vez máis, a experiencia foi altamente satisfactoria, demostrándose o grande interese da xente pola salvagarda e por poñer en valor o seu patrimonio”, salienta Beatriz Comendador.