"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

luns, 8 de setembro de 2014

Descubren un estilo propio de arte rupestre na comarca de Monterrei

O descubrimento de petroglifos con características diferentes aos coñecidos, realizado polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, dirixido por Félix González e unha gran noticia.
Os investigadores levan dous anos explorando os xacementos das Cuncas (Vences, Monterrei), Peneda do Mouro (Sandín, Monterrei) e As Pisadiñas (Laza). Como conclusión ao seu traballo de campo destacan a gran riqueza patrimonial da bisbarra e a existencia de gravados cun estilo propio.
Desde aquí dámoslle os parabéns e subliñamos a importancia que este grupo de traballo dá á divulgación e ao aproveitamento social da riqueza arqueolóxica que herdamos.
Reproducimos abaixo a noticia no Diario da Universidade de Vigo.

Sae á luz un estilo propio de arte rupestre no Alto Támega
Os investigadores do campus de Ourense recalcan o valor patrimonial deste enclave
Rosa Tedín | Ourense
Durante o mes de agosto un equipo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Félix González, volveu por segundo ano consecutivo á zona ourensá do Alto Támega, na fronteira con Portugal, para afondar nos restos da Prehistoria recente que nela se conservan. Unha vez rematado o traballo de campo, os responsables do proxecto salientan como as descubertas realizadas confirman o alto valor do patrimonio arqueolóxico da comarca, tanto pola cantidade de elementos presentes como pola existencia dun estilo propio e diferencial de arte rupestre.
A intervención arqueolóxica, que tivo financiamento da convocatoria do campus de Ourense e da Deputación Provincial INOU 2014, contou coa participación de Beatriz Comendador e de bolseiros e voluntarios da Facultade de Historia ourensá, continuando agora o traballo de laboratorio e con outras liñas de actuación do proxecto, como a divulgación. “Despois de dúas campañas a conclusión que extraemos é que a medida que se profunda no estudo do patrimonio arqueolóxico da zona do Támega confírmase a gran riqueza do mesmo, ata o de agora pouco estudado alén dos importantísimos estudos de eruditos locais e do valioso traballo dos numerosos afeccionados á arqueoloxía que habitan alí”, comenta Félix González.
Especialmente interesante, sinala o director do proxecto, é o estudo da arte rupestre desta zona, ata o de agora mal caracterizada, xa que parece responder a un estilo propio que estaría na fronteira entre a Arte Atlántica, propia das zonas costeiras de Galicia, e a Arte Esquemática, propia do interior peninsular. En todo caso, recalca, “independentemente da natureza da arte rupestre, queda fóra de toda dúbida a alta densidade destas manifestacións, polo que de agora en diante esta zona debe ser tida en conta á hora de elaborar as grandes sínteses de arte rupestre do Noroeste peninsular”.

Traballos nos petróglifos das Cuncas, de Penedo do Mouro e de Penedo do Mouro 2
No traballo de campo realizado en agosto os arqueólogos acometeron dúas accións principais. Por unha banda, remataron os traballos iniciados o ano pasado no petróglifo das Cuncas, en Vences, Monterrei, delimitando correctamente o conxunto do afloramento e descartando a existencia de máis motivos que os rexistrados na anterior campaña. “Tamén se descubriu algún novo gravado a base de coviñas e círculos nas inmediacións deste petróglifo das Cuncas, o que revela o gran potencial arqueolóxico que alberga esta zona”, engade o director do proxecto.
A segunda das actuación consistiu na limpeza e rexistro, mediante calco sobre plástico e fotogrametría, dos petróglifos de Penedo do Mouro e Penedo do Mouro 2, ambos en Sandín, tamén en Monterrei. “Os dous petróglifos, pero sobre todo o do Penedo do Mouro 2, acollen uns motivos moi característicos dos que ata o momento non coñecemos paralelos na arte rupestre do Noroeste Peninsular, o que sen dúbida confirma a necesidade de profundar nun estilo de arte rupestre diferente ao da costa atlántica e ata o de agora pouco coñecido e pouco estudado”, sinala González. Nas inmediacións destes dous petróglifos catalogáronse tamén unha nova mámoa e un novo petróglifo, previamente descubertos por Bruno Rúa.

Reivindicando a divulgación do patrimonio
“Estes novos achados incrementan aínda máis o catálogo de xacementos arqueolóxicos da zona. Desde o noso punto de vista sería necesario realizar unha aposta decidida pola posta en valor deste conxunto patrimonial a través da sinalización do seu acceso e a colocación de paneis informativos, co obxectivo de ofrecer un mínimo de información sobre o sitio a todo cidadán que se achegue a visitar o conxunto”, comentan os responsables do proxecto. Precisamente para divulgar e valorizar este patrimonio, durante o desenvolvemento do traballo de campos durante o mes de agosto os seus promotores levaron a cabo diferentes actividades dirixidas a que o público interesado coñecese o traballo que alí se realiza.

Deste xeito, organizouse unha visita nocturna ao petróglifos das Pisadiñas, un dos dous conxuntos estudados o ano pasado, a cargo de Beatriz Comendador; no Festival do Alto Támega os arqueólogos realizaron un obradoiro participativo sobre arte rupestre destinado a nenos e adultos e tamén se celebrouse unha conferencia sobre Monterrei entre os séculos IX e XIV, impartida polo profesor Francisco Javier Pérez no marco das accións de rexeitamento á conversión do castelo de Monterrei en hotel. “Unha vez máis, a experiencia foi altamente satisfactoria, demostrándose o grande interese da xente pola salvagarda e por poñer en valor o seu patrimonio”, salienta Beatriz Comendador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario