"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

mércores, 29 de outubro de 2014

O soñador de tempos

Xaime Lis (Kómic libraría)

"O artista Fernando Barreira colabora coa Plataforma Cidadá para a Defensa do Castelo de Monterrei cunha edición limitada de 200 serigrafías da súa obra O soñador de tempos, un fermoso collage cheo de elementos diversos cos que o artista, de maneira magnificamente irónica, tenta plasmar a ilóxica decisión  da Xunta de empregar o histórico edificio como recinto hostaleiro.

Na súa ilustración aprezamos o Castelo sobre un fondo vermello con tres esferas, flanqueado por dous canóns para turistas (...) e algo mudado respecto á actualidade, cunha grande antena parabólica, unha piscina ou mesmo un tendal para roupa do grupo Inditex.  Esta retranca gráfica vémola incluso máis clara nas tres figuras que aparecen baixo o Castelo, nunha sorte de entrada de hotel (co nome de Monterrei sarcasticamente afrancesado: Montelerruá) grandilocuente e innecesaria, e onde unha das figuras defeca (figuradamente) no pobo.

Estamos, pois, ante unha obra de multiples lecturas, un deses deseños que podes mirar durante tempo e tempo para acabar sempre atopando algún detalle no que non repararas.

Sen desmerecer o estilo de Barreira o visionado do seu collage lémbrame directamente o traballo de Terry Gillian, o único estadounidense dos xeniais Monty Python e responsable das surrealistas animacións que realizaba con fotografías antigas recortadas para os programas e películas do grupo humorístico.  Tamén no seu estilo gráfico atopo pousos do traballo doutro grande ilustrador galego, Reimundo Patiño, autor, xunto con Xaquín Marín, de Dúas Viaxes, considerada a primeira obra de banda deseñada en galego."

Podes mercar O soñador de tempos poñéndote en contacto con edumonterrei@gmail.com, ou en Santiago, en Kómic (San Pedro de Mezonzo, 34) e na galería de arte Terra de sombras (Fernando III, 22). 

luns, 27 de outubro de 2014

O meu Monterrei


Eladio Anxo Fernández Manso

Hai uns 8 anos, no meu antigo blog 'Caladiños', escribín isto sobre Monterrei. Daquela estaba lonxe de imaxinar a lea nas que nos meteu a absurda idea da Axencia de Turismo de trasladar o Parador a fortaleza. Con este artigo quero iniciar unha serie na que os que queirades escribades sobre os vosos recordos e sentimentos sobre o castelo: "O meu Monterrei", animádevos a participar mandando os vosos escritos e fotos ao correo edumonterrei@gmail.com.
Coa madriña na Torre de Don Sancho
Entre os lugares que teñen un espazo importante na miña memoria figura nos primeiros lugares o castelo-fortaleza de Monterrei que preside maxestosamente o val do mesmo nome. Subir ao castelo a dar un pasei foi, a aínda é, habitual para os que alí nos criamos, sobre todo cando queremos ensinarlles ás visitas o mellor da nosa terra da raia seca. Hai outras lembranzas do castelo, máis íntimas e algo canallas, ao abeiro da noite, ás veces en boa compañía.
Alí celebrouse hai anos o xogo de rol, Irmandiños, a revolta, que ten acadado un gran éxito. Os irmandiños de hoxe gañáronlle aos malfeitores, como ocorreu tamén na revolta histórica de 1467, aínda que enseguida deixaron de novo paso aos señores. Grazas a labor de Taboada Chivite, e máis recentemente de Xerardo Dasairas, podemos coñecer a historia de Monterrei e imaxinar a vida das xentes que alí viviron.
Monterrei é un dos conxuntos monumentais (paisaxístico, artístico e militar) máis importantes de Galicia, sen embargo non ten a sona doutros de menor entidade. Velo desde o val xa impresiona, pero o mellor é subir andando desde o barrio da San Lázaro (en Verín) ou, polo menos, facer camiñando todo o Paseo das Donas desde o cruceiro. É inadmisible que se permita subir cos coches ata a entrada do Patio de Armas. Ao cruzar a primeira liña de murallas desviámonos á esquerda e atravesamos a elegante e recia porta principal para achegarnos á fermosa portada gótica do Hospital de Peregrinos, onde se representa o Tetramorfos.
Unha das intervencións máis lamentable que se teñen feito en Monterrei constitúea o asfaltado da rúa que ascende desde o Hospital. Neste país soterramos en asfalto a terra e as pedras, tan mal lle queremos? Se continuamos cara o cume percorremos as rúas coas casas en ruínas da aldea, antiga sede do Concello de Monterrei, ao que pertence o castelo (e non a Verín como os da vila pretenden, un chisco de localismo non fai mal!). Penso que habería que facilitarlles aos propietarios desas casas a súa restauración respectuosa co entorno ou que Patrimonio as merque para destinalas a actividades culturais ou lúdicas, porque a alternativa é que se veñan todas abaixo. Para poñer en valor todo o recinto fai falta crear un Padroado que vixíe o seu coidado e leve a cabo unha programación de actividades que lle dea vida como espazo de lecer e cultura (aquí actuaron os Heredeiros da Crus ou Amancio Prada).
Podemos retroceder e subir polo estrada por onde mal acostuman a facelo os coches. Bordeando a acrópole polo leste había antes un fermoso paseo baixo os tileiros, pero unha enfermidade acabou con eles. Percibo dous cambios significativos na paisaxe respecto da miña mocidade: por unha banda, a perda de árbores no monte e, por outra, o aumento das edificacións ‘en calquera sitio’ do van deixando cada vez menos espazo ao monte e ás terras de labor (a concentración parcelaria, autovías e estradas tamén fixeron a súa contribución aos desafortunados cambios na paisaxe). Seguindo a rota anterior torcemos á esquerda nunha entretida camiñada entre portas e cercas.
A outra alternativa supón rodear o núcleo do castelo polo sur, seguindo as liñas das potentes murallas e garitas que miran ao sur, a Portugal. Desde este lado podemos ver aos nosos pés o Parador Nacional que nos puxo D. Manuel (grazas!) construído por riba do antigo Colexio de Xesuítas, un centro educativo de moita relevancia. Antes, arredor de 1490, instalárase en Monterrei a primeira imprenta de Galicia. Merece a pena deterse a mirar o castelo: o muro ameado, a igrexa, a Torre das Donas e, sobre todo, as bonitas galerías do Pazo dos Condes.
Entrando no Patio de Armas recíbenos un pozo con lenda. A lenda di que hai un túnel escavado desde o pozo ata a única fonte do entorno. Este era o gran problema da fortaleza e para protexer a fonte se construíu un pequeno parapeto militar durante as guerras con Portugal no s. XVII, a Atalaia. Unha vez visitado o castelo, paga a pena dar un pequeno paseo ata a Atalaia e a fonte. Cando eramos nenos tamén non dicían que arroxaban ao pozo aos condenados, daquela non sorriamos.
A igrexa románico-gótica de Santa María é pequena pero cun gran valor artístico: os canzorros, a portada gótica ao norte rodeada por tumbas baixo arcos e no seu interior o retablo de pedra con escenas da Paixón.
Por suposto, hai que contemplar desde o patio, de vagar, as dúas galerías renacentistas. A sucesión de columnas e piares, coroados pola Torre das Damas forma unha fachada de gran elegancia e fermosura. No restaurado interior do pazo podemos visitar o Museo.
Na Torre de Don Sancho co Parador e o val ao fondo
Deixo para o final a Torre da Homenaxe ou de D. Sancho, do século XV, de grosos e sobrios muros. Non me canso de subir a ela, mirando polas ventás de cada andar, tocando os sinais dos canteiros que labraron os perpiaños, ata chegar arriba e desde alí dominar coa vista o val de Monterrei. A pesar dos estragos podemos pasar un bo rato mirando cara norte, o monte de San Salvador e o descorrer do río Támega desde a serra de San Mamede, ao leste vemos a vila de Verín (como case todas as de Galicia, fea, chea de abusos urbanísticos) e ao fondo os montes de Campobecerros, Ríos e Vilardevós, cara o sur seguimos o Támega cara a raia e Chaves, a terra dos inimigos de onte, aos que tanto lles debe a fortaleza. Cara o oeste, ao fondo, no alto, o mítico monte Larouco, e no val o río Búbal leva as súas augas cara o Támega. A súa beira Vilaza, e dous quilómetros ao norte, Albarellos de Monterrei e a rúa dos Caladiños.

sábado, 25 de outubro de 2014

CONSELLO DA CULTURA & AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

O conflito arredor das obras de acondicionamento como hotel do castelo de Monterrei maniféstase na distinta visión que sobre as mesmas teñen dúas institucións: a Axencia de Turismo (responsable da xestión do monumento) e o Consello da Cultura Galega.

O Parador e o Castelo de Monterrei
Despois de ler coa axuda do profesor/a os artigos anteriores, que resumen o Informe do Consello e a nota de prensa coa que contestou a Axencia, responde ao seguinte cuestionario:
1. Resume as competencias e funcións das dúas institucións. Botálle unha ollada as súas webs:
2. Un monumento histórico coma o castelo de Monterrei, está relacionado coa cultura ou co turismo, ou cos dous? por que? Que cres que é máis importante, o uso cultural ou o turístico? son incompatibles? por que?

3. O feito de que estea xestionado por Turismo en vez de por Cultura, dentro do organigrama da Xunta, cres que é axeitado? a que lle dá máis importancia o goberno galego á hora de xestionar o Patrimonio?
4. No Informe do Consello da Cultura dise que Monterrei 'non é un castelo sen máis', que quere dicir con esa frase?
5. Tamén se fala do 'ambiente', a que se refire? cres que un hotel no castelo modifica o 'ambiente' do conxunto? por que?
6. Que propón o Consello para 'poñer en valor' o monumento? que significa para ti esa expresión 'poñer en valor'?
7. Comenta a frase: 'unha arquitectura en desuso é unha arquitectura morta'. Que medidas propoñen o Consello e a Axencia para que Monterrei non sexa unha arquitectura morta? a quen beneficia a proposta do Consello? e a da Axencia? por que se opón o Consello á construción do hotel no castelo?
8. Buscando en Internet define brevemente os seguintes conceptos: Conxunto Histórico, Ben de Interese Cultural (BIC), Plan de Viabilidade, Plan Director
9. Que significa que 'Monterrei é unha icona da paisaxe real e imaxinaria, e un elemento fundamental da identidade dos habitantes da comarca'? Coméntaa na aula cos teus compañeiros/as, e buscade un exemplo de lugar na vosa zona ao que se lle poida aplicar a mesma definición. A construción do hotel racha con ese carácter de icona e de elemento identitario de Monterrei, ou non? como reaccionarías se as autoridades fixesen unha actuación semellante no principal monumento histórico e/ou natural da túa comarca?
10. Quen debería decidir sobre o uso e aproveitamento dun monumento coma o castelo? As autoridades da bisbarra, os veciños e veciñas, os expertos en Patrimonio, a Xunta, os empresarios... Por que cres que a Axencia de Turismo non acepta a 'conferencia de consenso' que propón o Consello?
11. Que propón cada organismo para o actual Parador (a só 400 m do castelo), en perigo de peche por falta de clientes? Que proposta che parece máis axeitada? por que?
12. Cres que o feito de trasladar o Parador ao castelo atraerá máis turistas e así se poderán manter os dous establecementos hoteleiros no mesmo entorno? ti prefires visitar o castelo sen hotel ou con hotel? por que?
13. Quen paga as obras do hotel? a quen pertence a empresa Paradores? cales son os beneficios para a Axencia de Turismo de regalarlle o hotel a Paradores?
14. A quen beneficia que un conxunto histórico teña un uso cultural? e o hotel? Busca na rede o prezo dunha habitación nun hotel de catro estrelas, ti poderías durmir facilmente nun destes hoteis?

15. Por que son valiosos os monumentos coma o castelo de Monterrei? por que a xente quere visitalos? a quen pertencen? Cres que as autoridades deben garantir a conservación e o acceso de todo o mundo, sen diferenzas de riqueza, a estes elementos patrimoniais? por que?

xoves, 16 de outubro de 2014

A resposta da Axencia Galega de Turismo ao Informe do Consello da Cultura Galega

En relación ao informe emitido polo Consello Galego de Cultura, Turismo de Galicia, quere destacar que a rehabilitación do Castelo de Monterrei permitirá poñer en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia e xerar emprego e riqueza na comarca. O proxecto de rehabilitación para o conxunto arquitectónico ten como obxectivo prioritario a revitalización do mesmo para usos culturais e turísticos, garantindo o seu uso público.
A Xunta renova así o seu compromiso cunha das nosas riquezas culturais máis importantes abríndoo en parte ao uso como Parador de Turismo pero blindando tres prioridades: que siga sendo público na súa totalidade e aberto a todos os cidadáns, que se manteñan os usos culturais e que se protexan o 100% dos postos de traballo actuais.
Compre destacar que este uso turístico é o único compatible coa conservación do conxunto histórico xa que permite que a inversión económica a realizar poda ser sostible ó xerar uns ingresos garantidos no tempo. Por tanto, non é unha obra cunha inversión que precise continuamente achegas públicas para o seu mantemento.
Así mesmo, sinalar que no caso do Pazo dos Condes,  a actual proposta de uso hoteleiro aproxímase máis ao seu uso primitivo xa que xa tivo no pasado un uso residencial.
Rehabilitación, conservación e posta en valor dos inmobles
A rehabilitación do conxunto ten como obxectivo prioritario a revitalización do mesmo para usos culturais e turísticos, sen que deixe en ningún momento de ser público.
A propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico conforma un recurso turístico propiamente dito e convértese nun reclamo en si mesmo. Non hai que esquecer que dentro das murallas da fortaleza imprimiuse o Misal de Monterrei, o primeiro incunable galego.
Os recursos investidos poñerán en valor o investimento ao tempo que se manterá o seu uso como Ben de Interese Cultural público, se incrementará a riqueza turística da comarca e se atraerán a máis visitantes de novos segmentos de público.
Máximo respeto ao carácter dos edificios orixinais
Tanto no que respecta aos elementos construtivos como aos acabados e distribución dos espazos, a intervención respecta ao máximo o carácter dos edificios orixinais.
Promóvese o uso de materiais reciclables e sostibles na súa produción, vida útil e eliminación cando isto último sexa necesario.
Tanto o procedemento como as propias obras que se están a realizar na Fortaleza de Monterrei dan cumprimento aos requisitos esixidos na lexislación vixente e están baixo a supervisión de Patrimonio que realiza as inspeccións necesarias.
Maior grao de accesibilidade e funcionalidade
Máximo respecto pola súa condición de Ben de Interese Cultural, así como pola súa riqueza patrimonial e a súa condición de visitable por calquera cidadán.
Calidade turística como elemento diferencial
Mantemento da condición de visitable
A riqueza patrimonial do conxunto poderá ser apreciada en todo momento polos visitantes dado que se manterá a súa condición de visitable e público.
Todo o conxunto será visitable, salvo exclusivamente o espazo concreto destinado a dependencias destinadas a habitacións para os hóspedes do Parador. Tanto o resto das estancias que conforman o Parador como o resto do conxunto histórico, o 83% da superficie e a totalidade dos espazos exteriores poderán ser visitados por todos os cidadáns como corresponde á súa condición de Ben de Interese Cultural e público.
Ademais, as obras de rehabilitación, van a permitir que zonas que antes non eran accesibles ao público agora sexan tamén visitables, como é o caso do Xardín e da Torre de Damas.  
Cumprimento estrito do proxecto
As obras do Castelo de Monterrei cumpren estritamente o Proxecto para a rehabilitación e adecuación da Fortaleza de Monterrei, primeira fase que obtivo licenza do Concello de Monterrei o 14 de agosto de 2013, con nº de expediente URB 2013-16. O día 10 de xaneiro de 2014 ten entrada o complementario do proxecto básico e de execución de rehabilitación da Fortaleza de Monterrei para o seu acondicionamento para uso hoteleiro que ten por obxecto o acondicionamento da fortaleza para uso turístico.
As obras estanse executando correctamente segundo o previsto e en todo momento contan cos pertinentes permisos.
Parador turístico
A apertura ao uso como Parador do castelo permitirá que esta zona de Galicia conte cunhas instalacións turísticas distinguidas pola calidade e a excelencia e que dotarán de valor engadido á experiencia de viaxar pola Galicia interior. A propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico, que conforma un recurso turístico propiamente dito, converterase así nun reclamo en si mesmo.
Aloxarse en Monterrei permitirá coñecer dende unha nova perspectiva o Camiño de Santiago, as augas mineromedicinais de Galicia, os recursos enolóxicos e gastronómicos da zona, así como as singularidades etnográficas e culturais, como os Entroidos ou as festas de exaltación de produtos de calidade. Ao tempo, o feito de que a zona conte con este novo aloxamento reforzará de forma notable a oferta turística da comarca dado que a situación do Parador no castelo permitirá que Verín-Monterrei conte por primeira vez cun establecemento de catro estrelas e aberto todos os días do ano.
En canto ao actual parador de Verín, a súa reforma requiriría unha nova inversión pública a sumar á do Castelo co correspondente dispendio.
Compatibilidade de usos
Os máis de 16 castelos que albergan Paradores Nacionais por toda España, así como as numerosas experiencias internacionais en países como Francia, Irlanda ou Escocia, evidencian a compatibilidade de condición de Conxunto Histórico e uso hoteleiro.

Podemos destacar o Parador de Conde de Gondomar, situado na Fortaleza de Monterreal en Baiona, o Parador de Ribas do Sil, emprazado no antigo mosteiro beneditino de Santo Estevo, o Hostal dos Reis Católicos, ou o recen inaugurado Parado de Corias ubicado no mosteiro de San Xoán Bautista declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional, por citar algún dos múltiples exemplos.

martes, 14 de outubro de 2014

Informe do Consello da Cultura Galega sobre o castelo de Monterrei

Abaixo tedes un resumo do informe do Consello da Cultura Galega, publicado o 13 de outubro do 2014, redactado a petición da Plataforma, e no que se manifesta o seu desacordo co uso hoteleiro que a Xunta quere darlle a unha parte fundamental do castelo. A Plataforma séntese leximitada e reforzada nas súas reivindicacións, xa que é a opinión de persoas expertas, dun organismo oficial da Autonomía de Galicia, asesor en temas culturais do goberno galego. Aínda que o informe non é vinculante, a Xunta non ten a obrigación de legal de ter en conta as súas recomendacións, cremos unha Administración responsable, atenta aos intereses xerais, debería tomar nota e actuar en consecuencia ante o prestixio dos autores e da institución que o emite.
Na ligazón podedes ler o informe completo:

INTRODUCIÓN
Na elaboración do presente informe analizamos a problemática en xeral, tentando examinar as visións do aparente desacordo, a de parte da cidadanía que se identifica con Monterrei como Monumento e Conxunto Histórico e a das administracións públicas que deben velar polos seus valores culturais e pola busca duns usos que aposten pola salvagarda deses valores e pola súa sustentabilidade.
(...)
O Castelo de Monterrei é entendido como o elemento máis senlleiro dun conxunto defensivo que constitúe un dos mellor conservados no espazo transfronteirizo galaico-portugués, un espazo que responde a, polo menos, dúas lóxicas defensivas distintas, medieval e moderna, respectivamente.
(...)
E, por último, inténtase facer fincapé na necesidade de establecer un plan de actuación integral en todo este conxunto que permita caracterizalo adecuadamente, recuperalo, poñelo en valor e visibilizalo dende o respecto ao seu significado patrimonial, histórico, arquitectónico, artístico ou identitario.
(...)
3. DEBATE DAS PROPOSTAS
3.1. Caracterización do conxunto de Monterrei
(...)
Evidentemente, non é un Castelo sen máis, pois o que se percibe, aínda partindo dalgunha fundación medieval como a chamada Torre da Homenaxe, é que tivo un desenvolvemento procesual complexo e rico que fai que hoxe se aprecie máis como un conxunto construído sobre unha atalaia natural que logo foi adquirindo transformacións e novas construcións que o fan parecer unha gran fortaleza.
Esa gran fortaleza inclúe estruturas medievais e outras posteriores, como o Palacio dos Condes de Monterrei, a igrexa ou os diferentes casaríos, estruturados todos eles por espazos abertos, rueiros e os camiños que, ladeiras abaixo ata o norte ou o sur, establecen unhas peculiares e especiais relacións espaciais con base na topografía natural e estratéxica orixinal (o ambiente).
(...) Por iso, se a patrimonialización cultural deste amplo e complexo Ben de dimensión territorial se caracteriza só como Castelo ou como Fortaleza estaríanse a limitar a súa comprensión adecuada e, polo tanto, o conseguinte acceso cultural a ese Ben. Iso implicaría, ademais, que se estaría a comprometer a súa axeitada protección, conservación e restauración compatibilizadas cos procesos e usos históricos que o xeraron.
(...)
 (...) a Lei do patrimonio cultural de Galicia reclama para este tipo de bens construídos a consideración de Conxunto Histórico ou a de Sitio Histórico.
A de Conxunto Histórico parece a que máis se adecúa xa que a súa definición é a dunha “agrupación de bens inmobles que forman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, condicionada por unha estrutura física e representativa da evolución dunha comunidade humana, por ser testemuño da súa cultura ou constituír un valor de uso e gozo para a colectividade, aínda que individualmente non teñan unha especial relevancia”. Que ese conxunto é vivenciado pola cidadanía como depositario dunha parte da súa cultura e que lle confiren un valor de gozo propio é evidente, polo que se cumpre a esencia da definición de lei, pero é que, ademais, neste caso, esa agrupación de bens ten tamén especial relevancia.
(...)
De cara á súa conservación e protección, debe comezarse pola elaboración dun Plan Especial de Protección e Rehabilitación para o Conxunto e, nos casos dos inmobles excepcionais, a redacción ou finalización do correspondente Plan Director. (...)
En calquera caso, o proxecto de intervención debería redactarse, revisarse neste caso, dende as cautelas, orientacións e consideracións propostas por eses plans ou informes sectoriais pre-proxectuais (Plan Especial e Plan Director).
(...)
3.2. O Plan de Usos no Palacio dos Condes e as obras actualmente en curso no conxunto histórico de Monterrei
 (...) a priori é indubidable que todo o conxunto de Monterrei debería ser obxecto dunha posta en valor, restauración ou rehabilitación que impida a súa progresiva ruína, aspecto en que xa incidía no seu momento o estudoso de Verín e Monterrei Xesús Taboada Chivite (...).
(...)
Tal e como comentamos nas reflexións anteriores, establecer un Plan Director e/ou Plan Especial ou unha figura similar sería moi aconsellable como punto de partida antes de promover ou continuar calquera outro tipo de actuación.
(...)
Respecto á idea de dispor dun hotel dentro do Palacio dos Condes e doutras edificacións, como se pretende no proxecto actual, á vista dos datos de que dispoñemos e tendo en conta a entidade do elemento co que estamos a tratar, o seu valor histórico, a súa significatividade construtiva e histórico-artística, o seu papel na paisaxe fortificada transfronteiriza ou a súa entidade patrimonial e conformadora dun ámbito e dunha contorna ou un ambiente, dende a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG non cremos que este sexa o uso máis adecuado para rehabilitar o lugar.
(...)
Consideramos que as obras deberían revisarse dende os criterios que estamos a expoñer para determinar se son ou non compatibles con usos históricos dos espazos e fábricas do Castelo e aclarar se teñen en conta a condición de BIC non só do edificio en si, senón do Conxunto Histórico, que tamén debería ser BIC, e dilucidar se, en efecto, é un hotel o uso máis axeitado nesa localización no ámbito interior do Conxunto Histórico que de facto é o de Monterrei.
(...)
4. PROPOSTAS E CONCLUSIÓNS

4.1. Propostas
Consideramos que este informe debe entenderse non só como unha reflexión ou unha crítica ante unha actuación concreta, xa iniciada, sobre un Conxunto Histórico da magnitude do Castelo de Monterrei, senón que debe servir tamén para establecer un proceso de debate, posiblemente esquecido ata o momento, sobre que supón o Castelo de Monterrei na súa contorna, como arquitectura, como elemento histórico ou como fito paisaxístico; sobre as relacións que se producen entre este elemento, a paisaxe onde se implanta e a cidadanía que o percibe e que o vive; sobre cal debe ser a súa función no territorio como fito cultural; sobre cal debe ser o seu uso; sobre como mantelo e sostelo...
(...)
Dende a Sección propoñemos, á vista de todo o comentado, dúas liñas de actuación:
1. Establecer cal é a figura de protección máis adecuada para este Castelo e o conxunto onde se localiza e levala a cabo.
2. Reconsiderar criticamente a actuación iniciada e establecer un período de reflexión aberto que acolla a todos os axentes implicados nunha toma de decisión tan importante como é un cambio de uso tan significativo nun espazo arquitectónico e nun conxunto deste tipo, xa que ese cambio de uso pode modificalo definitivamente de cara ao futuro.
(...)
(...) á hora de compatibilizar os usos dunha rehabilitación, é conveniente incidir na necesidade de entender esta paisaxe, este conxunto, como o resultado dun proceso histórico, funcional, cultural, económico e tamén simbólico, non como pequenas parcelas con sentido unicamente individual. Calquera cambio que se faga en Monterrei, no Castelo de Monterrei, afectará a totalidade desta unidade paisaxística, deste conxunto histórico.
(...)
 (...) Cremos que se poden establecer varios niveles de significado en toda esta paisaxe, e con eles varias figuras de protección. O primeiro, o BIC no que quedarían incluídas tanto o Castelo, as estruturas da fortaleza como os conventos da Compañía e de San Francisco, que forma unha unidade defensiva, que queda perfectamente individualizada nos diferentes planos do século XVIII.
Un segundo nivel de significado, tamén defensivo, acolle outras construcións situadas na dorsal que tiñan como obxectivo o control do val do Támega e das distintas vías de entrada a Galicia dende Portugal e Castela.
(...)
4.2. Conclusións
1. Consideramos necesario facer unha declaración de Conxunto Histórico que protexa este elemento territorial, que, como xa vimos, ten unha grande importancia histórica, arquitectónica, arqueolóxica, artística e, por suposto, patrimonial, para Monterrei, a comarca, a fronteira, a provincia de Ourense e, por suposto, Galicia, xa que é un dos exemplos máis importantes da nosa arquitectura militar medieval e moderna. Neste sentido, consideramos que a súa transformación nun espazo de novos usos debería implicar un proceso importante de reflexión que se debe levar a cabo de forma colexiada e colectiva, contando con todos os axentes implicados: administracións, xestores, investigadores e, por suposto, os veciños do val de Monterrei.
2. Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento; de feito, no ámbito do mesmo Conxunto Histórico habería cando menos tres edificios diferentes moi importantes dedicados a uso hoteleiro, e, ademais, na nova localización, reducirase á metade a oferta de habitacións coas que conta actualmente o parador. Desde o noso punto de vista, talvez sería máis atinado facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo, elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detallados estudos previos e que incida no seu papel como elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico-cultural e complemento do espazo hoteleiro. Esta podería ser unha vía alternativa, aínda que tamén poderían existir outras, tales como investigar e restaurar-conservar as estruturas e fábricas defensivas e residenciais do casarío e dos espazos vilegos coa ollada posta, por exemplo, no que se fixo en Valença do Minho, outro Conxunto e asentamento transfonteirizo.
3. Entendemos que o Castelo de Monterrei é un exemplo máis do importante arraigamento que se dá a miúdo entre a cidadanía e o seu patrimonio, do que ela é depositaria e co que ten uns importantes lazos de identidade. Seguro que os axentes máis directamente responsables do proceso de patrimonialización deste Ben, a cidadanía, non se oporán a que se fagan obras que son necesarias no Castelo e na fortaleza, nin a que se rehabilite e se poña en uso, xa que unha arquitectura en desuso é unha arquitectura “morta”. Todos somos conscientes de que a vivencia dos valores dun Ben é,  sempre, mellor a través do seu uso, pero o que parece que é claro e que esa cidadanía non quere calquera destino para o seu patrimonio fidelizado. Os veciños e as veciñas de Monterrei, Verín, Pazos, Mixós, Vilaza, Oímbra, Albarellos, Tamaguelos, Mourazos... séntense identificados co “Castelo de Monterrei” porque non deixa de ser unha icona na súa paisaxe real e imaxinaria.
Por último, propoñemos que, antes de continuar as obras no sentido do proxecto reformado, sería oportuno ter en conta as consideracións deste informe.

Neste sentido, o Consello de Cultura Galega, como ten feito noutras ocasións, está aberto á realización de “conferencias de consenso”, orientadas á procura da converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións que este “debate público” reportou aos procesos culturais de Galicia.