"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

martes, 16 de setembro de 2014

Unha muller extraordinaria: Inés de Velasco Tovar

Patio das Damas (Monterrei)
As mulleres, a metade da humanidade, son as grandes esquecidas da Historia. A pesar dos esforzos da historiografía recente para sacalas á luz, esta segue a ser unha tarefa pendente, xusta e necesaria. A historia de Monterrei, non podía ser doutra maneira, é tamén unha Historia andro-céntrica, de homes e feita por homes, agás uns cantos traballos asinados por mulleres nos últimos anos. Cando nos achegamos aos estudos realizados sobre a vila forte de Monterrei ao longo dos séculos atopamos reis, condes, monxes, militares..., pero moi poucas mulleres, e case sempre citadas como esposas das elites de poder masculinas. Nesta historia dos estamentos privilexiados (sen pobo, sen mulleres) hai unha persoa que, por méritos propios, constitúe unha excepción: Inés de Velasco Tovar.
Dona Inés, viúva do IV conde de Monterrei, Jerónimo de Acevedo, trasladouse desde Salamanca ao castelo, cos seus fillos: Melchor, Gaspar e Baltasar 'para que gozasen o froito común, crianza e ensinanza deste Colexio do que gozaban os fillos dos seus vasalos'. Refírese ao Colexio dos xesuítas, fundado na fortaleza en 1556, onde estudaron os seus fillos varóns, que desempeñaron co tempo cargos importantes ao servizo da monarquía dos Austria. Tivo tamén unha filla, María Pimentel, casada co II Conde de Olivares, que destacou pola súa relixiosidade e as obras de caridade que impulsou.
Desde o primeiro momento quedou claro o interese da condesa viúva por adoptar un papel activo para mellorar a situación do Condado. Redactou en 1573 unhas Ordenanzas minuciosas, oitenta e sete, co obxectivo de limitar os abusos dos axentes do poder, xuíces e escribáns, fomentar a agricultura e o comercio, e facer máis tolerables as penosas condicións en que vivían os poboadores do señorío.
Para o seu fillo Baltasar as Ordenanzas foron un fracaso, porque 'a terra de Galicia é diferente en moitas cousas á de Castilla e o querela reducir ás mesmas cousas e costumes é dificultoso e resulta moi inconveniente'. Porén César Vaamonde Lores, en A Nosa Terra, en 1922, valóraas de xeito distinto: 'Tal é o principal contido deste precioso código, tan compreto, que todo se trata n-el: justiça, orden, moralidade, beneficencia, servizos públicos, higiene, agricultura, repoboación forestal, etc... Dudamos que nas ordenanzas municipais de moitas cidades modernas se estudien estes asuntos tan minuciosamente. Justo nos parece, pois, rendir aquí tributo de admirazón á gloriosa da Dona Inés de Velasco y Tovar'.
Dona Inés sempre prestou unha atención especial á educación, ademais de concederlle as rendas da parroquia de Medeiros ao Colexio, conseguiu crear unha escola para nenos en 1575, pedíndolle aos Superiores da Orde 'persoas que ensinen aos nenos do condado a ler e escribir, por ser o fundamento máis necesario para as outras artes, e do que hai máis falta nesta terra'.
Ao mesmo tempo propúxose converter o Estudo Xeral de Monterrei en universidade. A autorización para conceder os distintos graos dependía do rei e do Papa. Mandou a Roma ao licenciado Cisneros, abríndose un proceso longo, de máis de vinte anos, que rematou fracasando por falta de diñeiro, xa que o Papa e a Compañía non consideraban suficientes os case 2.000 ducados ofrecidos polo condado de Monterrei.
A pesar do fracaso da Universidade o Colexio acadou tal prestixio baixo o impulso de Dona Inés que a finais do s. XVI tiña arredor de 1.500 alumnos procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal.

No ano 1608 foi soterrada en Salamanca esta nobre muller que destacou por acadar un protagonismo excepcional entre as damas da época e polo seu altruísmo, valéndose da súa posición social para, dentro dos límites do seu tempo, aliviar as fatigas do pobo, fomentando a educación como ferramenta de progreso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario