En relación ao informe emitido polo
Consello Galego de Cultura, Turismo de Galicia, quere destacar que a rehabilitación do Castelo de Monterrei
permitirá poñer en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia e xerar
emprego e riqueza na comarca. O proxecto de rehabilitación para o conxunto
arquitectónico ten como obxectivo prioritario a revitalización do mesmo para
usos culturais e turísticos, garantindo o seu uso público.
A Xunta renova así o seu compromiso
cunha das nosas riquezas culturais máis importantes abríndoo en parte ao uso como
Parador de Turismo pero blindando tres prioridades: que siga sendo público na súa totalidade e aberto a todos os cidadáns,
que se manteñan os usos culturais e que se protexan o 100% dos postos de
traballo actuais.
Compre destacar que este uso turístico é o único compatible coa
conservación do conxunto histórico xa que permite que a inversión económica a
realizar poda ser sostible ó xerar uns ingresos garantidos no tempo. Por tanto,
non é unha obra cunha inversión que precise continuamente achegas públicas para
o seu mantemento.
Así mesmo, sinalar que no caso do Pazo dos Condes, a actual proposta de uso hoteleiro aproxímase
máis ao seu uso primitivo xa que xa tivo no pasado un uso residencial.
Rehabilitación, conservación e posta en
valor dos inmobles
A rehabilitación do conxunto ten
como obxectivo prioritario a revitalización do mesmo para usos culturais e
turísticos, sen que deixe en ningún momento de ser público.
A propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico conforma un
recurso turístico propiamente dito e convértese nun reclamo en si mesmo. Non
hai que esquecer que dentro das murallas da fortaleza imprimiuse o Misal de
Monterrei, o primeiro incunable galego.
Os recursos investidos poñerán en valor o investimento ao tempo que se
manterá o seu uso como Ben de Interese Cultural público, se incrementará a
riqueza turística da comarca e se atraerán a máis visitantes de novos segmentos
de público.
Máximo respeto ao carácter dos edificios orixinais
Tanto no que respecta aos elementos
construtivos como aos acabados e distribución dos espazos, a intervención respecta ao máximo o carácter dos edificios orixinais.
Promóvese o uso de materiais
reciclables e sostibles na súa produción, vida útil e eliminación cando isto
último sexa necesario.
Tanto o procedemento como as propias
obras que se están a realizar na Fortaleza de Monterrei dan cumprimento aos
requisitos esixidos na lexislación vixente e están baixo a supervisión de Patrimonio que realiza as inspeccións
necesarias.
Maior grao de accesibilidade e funcionalidade
Máximo respecto pola súa condición
de Ben de Interese Cultural, así como pola súa riqueza patrimonial e a súa
condición de visitable por calquera
cidadán.
Calidade turística como elemento diferencial
Mantemento da condición de visitable
A riqueza patrimonial do conxunto
poderá ser apreciada en todo momento polos visitantes dado que se manterá a súa
condición de visitable e público.
Todo o conxunto será visitable,
salvo exclusivamente o espazo concreto destinado a dependencias destinadas a
habitacións para os hóspedes do Parador. Tanto o resto das estancias que
conforman o Parador como o resto do conxunto histórico, o 83% da superficie e a totalidade dos espazos exteriores poderán ser
visitados por todos os cidadáns como corresponde á súa condición de Ben de
Interese Cultural e público.
Ademais, as obras de rehabilitación, van a permitir que zonas que antes
non eran accesibles ao público agora sexan tamén visitables, como é o caso do
Xardín e da Torre de Damas.
Cumprimento estrito do proxecto
As obras do Castelo de Monterrei
cumpren estritamente o Proxecto para a
rehabilitación e adecuación da Fortaleza de Monterrei, primeira fase que
obtivo licenza do Concello de Monterrei o 14
de agosto de 2013, con nº de expediente URB 2013-16. O día 10 de xaneiro de 2014 ten entrada o complementario do proxecto
básico e de execución de rehabilitación da Fortaleza de Monterrei para o seu
acondicionamento para uso hoteleiro que ten por obxecto o acondicionamento
da fortaleza para uso turístico.
As obras estanse executando correctamente segundo o previsto e en todo
momento contan cos pertinentes permisos.
Parador turístico
A apertura ao uso como Parador do castelo permitirá que esta zona de
Galicia conte cunhas instalacións turísticas distinguidas pola calidade e a
excelencia e que dotarán de valor engadido á experiencia de viaxar pola Galicia
interior. A propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico, que conforma
un recurso turístico propiamente dito, converterase así nun reclamo en si mesmo.
Aloxarse en Monterrei permitirá
coñecer dende unha nova perspectiva o Camiño de Santiago, as augas
mineromedicinais de Galicia, os recursos enolóxicos e gastronómicos da zona,
así como as singularidades etnográficas e culturais, como os Entroidos ou as
festas de exaltación de produtos de calidade. Ao tempo, o feito de que a zona conte con este novo aloxamento reforzará de forma
notable a oferta turística da comarca dado que a situación do Parador no
castelo permitirá que Verín-Monterrei conte por primeira vez cun establecemento
de catro estrelas e aberto todos os días do ano.
En canto ao actual parador de Verín, a súa reforma requiriría unha nova
inversión pública a sumar á do Castelo co correspondente dispendio.
Compatibilidade de usos
Os máis de 16 castelos que albergan
Paradores Nacionais por toda España, así como as numerosas experiencias
internacionais en países como Francia, Irlanda ou Escocia, evidencian a compatibilidade de condición de Conxunto
Histórico e uso hoteleiro.
Podemos destacar o Parador de Conde
de Gondomar, situado na Fortaleza de Monterreal en Baiona, o Parador de Ribas
do Sil, emprazado no antigo mosteiro beneditino de Santo Estevo, o Hostal dos
Reis Católicos, ou o recen inaugurado Parado de Corias ubicado no mosteiro de
San Xoán Bautista declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional, por citar
algún dos múltiples exemplos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario