Xaime Lis (Kómic libraría)
"O artista Fernando
Barreira colabora coa Plataforma Cidadá para a Defensa do Castelo de
Monterrei cunha edición limitada de 200 serigrafías da súa obra O soñador de tempos, un fermoso collage cheo
de elementos diversos cos que o artista, de maneira magnificamente
irónica, tenta plasmar a ilóxica decisión da Xunta de empregar o
histórico edificio como recinto hostaleiro.
Na
súa ilustración aprezamos o Castelo sobre un fondo vermello con tres
esferas, flanqueado por dous canóns para turistas (...) e algo mudado
respecto á actualidade, cunha grande antena parabólica, unha piscina ou
mesmo un tendal para roupa do grupo Inditex. Esta retranca gráfica
vémola incluso máis clara nas tres figuras que aparecen baixo o Castelo,
nunha sorte de entrada de hotel (co nome de Monterrei sarcasticamente
afrancesado: Montelerruá) grandilocuente e innecesaria, e onde unha das figuras defeca (figuradamente) no pobo.
Estamos,
pois, ante unha obra de multiples lecturas, un deses deseños que podes
mirar durante tempo e tempo para acabar sempre atopando algún detalle no
que non repararas.
Sen desmerecer o estilo de Barreira o visionado do seu collage lémbrame
directamente o traballo de Terry Gillian, o único estadounidense dos
xeniais Monty Python e responsable das surrealistas animacións que
realizaba con fotografías antigas recortadas para os programas e
películas do grupo humorístico. Tamén no seu estilo gráfico atopo
pousos do traballo doutro grande ilustrador galego, Reimundo Patiño,
autor, xunto con Xaquín Marín, de Dúas Viaxes, considerada a primeira obra de banda deseñada en galego."
Podes mercar O soñador de tempos poñéndote en contacto con edumonterrei@gmail.com, ou en Santiago, en Kómic (San Pedro de Mezonzo, 34) e na galería de arte Terra de sombras (Fernando III, 22).
Ningún comentario:
Publicar un comentario