Eladio Anxo Fernández Manso
Hai uns 8 anos, no meu antigo blog 'Caladiños', escribín isto sobre Monterrei. Daquela estaba lonxe de imaxinar a lea nas que nos meteu a absurda idea da Axencia de Turismo de trasladar o Parador a fortaleza. Con este artigo quero iniciar unha serie na que os que queirades escribades sobre os vosos recordos e sentimentos sobre o castelo: "O meu Monterrei", animádevos a participar mandando os vosos escritos e fotos ao correo edumonterrei@gmail.com.
Coa madriña na Torre de Don Sancho |
Entre os lugares que teñen un espazo importante na miña
memoria figura nos primeiros lugares o castelo-fortaleza de Monterrei que
preside maxestosamente o val do mesmo nome. Subir ao castelo a dar un pasei
foi, a aínda é, habitual para os que alí nos criamos, sobre todo cando queremos
ensinarlles ás visitas o mellor da nosa terra da raia seca. Hai outras
lembranzas do castelo, máis íntimas e algo canallas, ao abeiro da noite, ás
veces en boa compañía.
Alí celebrouse hai anos o xogo de rol, Irmandiños,
a revolta, que ten acadado un gran éxito. Os irmandiños de hoxe
gañáronlle aos malfeitores, como ocorreu tamén na revolta histórica de 1467, aínda que enseguida deixaron de novo paso aos
señores. Grazas a labor de Taboada Chivite, e máis recentemente de Xerardo Dasairas, podemos coñecer a historia de Monterrei e imaxinar a
vida das xentes que alí viviron.
Monterrei é un dos conxuntos monumentais (paisaxístico,
artístico e militar) máis importantes de Galicia, sen embargo non ten a sona
doutros de menor entidade. Velo desde o val xa impresiona, pero o mellor é
subir andando desde o barrio da San Lázaro (en Verín) ou, polo menos, facer
camiñando todo o Paseo das Donas desde o cruceiro. É inadmisible que se permita
subir cos coches ata a entrada do Patio de Armas. Ao cruzar a primeira liña de
murallas desviámonos á esquerda e atravesamos a elegante e recia porta
principal para achegarnos á fermosa portada gótica do Hospital de Peregrinos,
onde se representa o Tetramorfos.
Unha das intervencións máis lamentable que se teñen feito
en Monterrei constitúea o asfaltado da rúa que ascende desde o Hospital. Neste
país soterramos en asfalto a terra e as pedras, tan mal lle queremos? Se
continuamos cara o cume percorremos as rúas coas casas en ruínas da aldea,
antiga sede do Concello de Monterrei, ao que pertence o castelo (e non a Verín
como os da vila pretenden, un chisco de localismo non fai mal!). Penso que
habería que facilitarlles aos propietarios desas casas a súa restauración
respectuosa co entorno ou que Patrimonio as merque para destinalas a
actividades culturais ou lúdicas, porque a alternativa é que se veñan todas
abaixo. Para poñer en valor todo o recinto fai falta crear un Padroado que
vixíe o seu coidado e leve a cabo unha programación de actividades que lle dea
vida como espazo de lecer e cultura (aquí actuaron os Heredeiros da Crus ou
Amancio Prada).
Podemos retroceder e subir polo estrada por onde mal
acostuman a facelo os coches. Bordeando a acrópole polo leste había antes un
fermoso paseo baixo os tileiros, pero unha enfermidade acabou con eles. Percibo
dous cambios significativos na paisaxe respecto da miña mocidade: por unha
banda, a perda de árbores no monte e, por outra, o aumento das edificacións ‘en
calquera sitio’ do van deixando cada vez menos espazo ao monte e ás terras de
labor (a concentración parcelaria, autovías e estradas tamén fixeron a súa
contribución aos desafortunados cambios na paisaxe). Seguindo a rota anterior
torcemos á esquerda nunha entretida camiñada entre portas e cercas.
A outra alternativa supón rodear o núcleo do castelo polo
sur, seguindo as liñas das potentes murallas e garitas que miran ao sur, a
Portugal. Desde este lado podemos ver aos nosos pés o Parador Nacional que nos
puxo D. Manuel (grazas!) construído por riba do antigo Colexio de Xesuítas, un
centro educativo de moita relevancia. Antes, arredor de 1490, instalárase en
Monterrei a primeira imprenta de Galicia. Merece a pena deterse a mirar o
castelo: o muro ameado, a igrexa, a Torre das Donas e, sobre todo, as bonitas
galerías do Pazo dos Condes.
Entrando no Patio de Armas recíbenos un pozo con lenda. A
lenda di que hai un túnel escavado desde o pozo ata a única fonte do entorno.
Este era o gran problema da fortaleza e para protexer a fonte se construíu un
pequeno parapeto militar durante as guerras con Portugal no s. XVII, a Atalaia.
Unha vez visitado o castelo, paga a pena dar un pequeno paseo ata a Atalaia e a
fonte. Cando eramos nenos tamén non dicían que arroxaban ao pozo aos
condenados, daquela non sorriamos.
A igrexa románico-gótica de Santa María é pequena pero
cun gran valor artístico: os canzorros, a portada gótica ao norte rodeada por
tumbas baixo arcos e no seu interior o retablo de pedra con escenas da Paixón.
Por suposto, hai que contemplar desde o patio, de vagar,
as dúas galerías renacentistas. A sucesión de columnas e piares, coroados pola
Torre das Damas forma unha fachada de gran elegancia e fermosura. No restaurado
interior do pazo podemos visitar o Museo.
Na Torre de Don Sancho co Parador e o val ao fondo |
Ningún comentario:
Publicar un comentario