O
conflito arredor das obras de acondicionamento como hotel do castelo de
Monterrei maniféstase na distinta visión que sobre as mesmas teñen dúas
institucións: a Axencia de Turismo (responsable da xestión do monumento) e o
Consello da Cultura Galega.
O Parador e o Castelo de Monterrei |
Despois
de ler coa axuda do profesor/a os artigos anteriores, que resumen o Informe do
Consello e a nota de prensa coa que contestou a Axencia, responde ao seguinte
cuestionario:
1. Resume as competencias e funcións das dúas institucións.
Botálle unha ollada as súas webs:
2. Un monumento histórico coma o castelo de Monterrei, está
relacionado coa cultura ou co turismo, ou cos dous? por que? Que cres que é
máis importante, o uso cultural ou o turístico? son incompatibles? por que?
3. O feito de que estea xestionado por Turismo en vez de por
Cultura, dentro do organigrama da Xunta, cres que é axeitado? a que lle dá máis
importancia o goberno galego á hora de xestionar o Patrimonio?
4. No Informe do Consello da Cultura dise que Monterrei 'non é
un castelo sen máis', que quere dicir con esa frase?
5. Tamén se fala do 'ambiente', a que se refire? cres que un
hotel no castelo modifica o 'ambiente' do conxunto? por que?
6. Que propón o Consello para 'poñer en valor' o monumento?
que significa para ti esa expresión 'poñer en valor'?
7. Comenta a frase: 'unha arquitectura en desuso é unha
arquitectura morta'. Que medidas propoñen o Consello e a Axencia para que
Monterrei non sexa unha arquitectura morta? a quen beneficia a proposta do
Consello? e a da Axencia? por que se opón o Consello á construción do hotel no
castelo?
8. Buscando en Internet define brevemente os seguintes
conceptos: Conxunto Histórico, Ben de Interese Cultural (BIC), Plan de Viabilidade,
Plan Director
9. Que significa que 'Monterrei é unha icona da paisaxe real e
imaxinaria, e un elemento fundamental da identidade dos habitantes da comarca'?
Coméntaa na aula cos teus compañeiros/as, e buscade un exemplo de lugar na vosa
zona ao que se lle poida aplicar a mesma definición. A construción do hotel
racha con ese carácter de icona e de elemento identitario de Monterrei, ou non?
como reaccionarías se as autoridades fixesen unha actuación semellante no
principal monumento histórico e/ou natural da túa comarca?
10. Quen debería decidir sobre o uso e aproveitamento dun
monumento coma o castelo? As autoridades da bisbarra, os veciños e veciñas, os
expertos en Patrimonio, a Xunta, os empresarios... Por que cres que a Axencia
de Turismo non acepta a 'conferencia de consenso' que propón o Consello?
11. Que propón cada organismo para o actual Parador (a só 400
m do castelo), en perigo de peche por falta de clientes? Que proposta che
parece máis axeitada? por que?
12. Cres que o feito de trasladar o Parador ao castelo atraerá
máis turistas e así se poderán manter os dous establecementos hoteleiros no
mesmo entorno? ti prefires visitar o castelo sen hotel ou con hotel? por que?
13. Quen paga as obras do hotel? a quen pertence a empresa
Paradores? cales son os beneficios para a Axencia de Turismo de regalarlle o
hotel a Paradores?
14. A quen beneficia que un conxunto histórico teña un uso
cultural? e o hotel? Busca na rede o prezo dunha habitación nun hotel de catro
estrelas, ti poderías durmir facilmente nun destes hoteis?
15. Por que son valiosos os monumentos coma o castelo de
Monterrei? por que a xente quere visitalos? a quen pertencen? Cres que as
autoridades deben garantir a conservación e o acceso de todo o mundo, sen
diferenzas de riqueza, a estes elementos patrimoniais? por que?
Ningún comentario:
Publicar un comentario