"O futuro está na orixe"

Bea Comenda, decana da Facultade de Historia de Ourense

martes, 14 de outubro de 2014

Informe do Consello da Cultura Galega sobre o castelo de Monterrei

Abaixo tedes un resumo do informe do Consello da Cultura Galega, publicado o 13 de outubro do 2014, redactado a petición da Plataforma, e no que se manifesta o seu desacordo co uso hoteleiro que a Xunta quere darlle a unha parte fundamental do castelo. A Plataforma séntese leximitada e reforzada nas súas reivindicacións, xa que é a opinión de persoas expertas, dun organismo oficial da Autonomía de Galicia, asesor en temas culturais do goberno galego. Aínda que o informe non é vinculante, a Xunta non ten a obrigación de legal de ter en conta as súas recomendacións, cremos unha Administración responsable, atenta aos intereses xerais, debería tomar nota e actuar en consecuencia ante o prestixio dos autores e da institución que o emite.
Na ligazón podedes ler o informe completo:

INTRODUCIÓN
Na elaboración do presente informe analizamos a problemática en xeral, tentando examinar as visións do aparente desacordo, a de parte da cidadanía que se identifica con Monterrei como Monumento e Conxunto Histórico e a das administracións públicas que deben velar polos seus valores culturais e pola busca duns usos que aposten pola salvagarda deses valores e pola súa sustentabilidade.
(...)
O Castelo de Monterrei é entendido como o elemento máis senlleiro dun conxunto defensivo que constitúe un dos mellor conservados no espazo transfronteirizo galaico-portugués, un espazo que responde a, polo menos, dúas lóxicas defensivas distintas, medieval e moderna, respectivamente.
(...)
E, por último, inténtase facer fincapé na necesidade de establecer un plan de actuación integral en todo este conxunto que permita caracterizalo adecuadamente, recuperalo, poñelo en valor e visibilizalo dende o respecto ao seu significado patrimonial, histórico, arquitectónico, artístico ou identitario.
(...)
3. DEBATE DAS PROPOSTAS
3.1. Caracterización do conxunto de Monterrei
(...)
Evidentemente, non é un Castelo sen máis, pois o que se percibe, aínda partindo dalgunha fundación medieval como a chamada Torre da Homenaxe, é que tivo un desenvolvemento procesual complexo e rico que fai que hoxe se aprecie máis como un conxunto construído sobre unha atalaia natural que logo foi adquirindo transformacións e novas construcións que o fan parecer unha gran fortaleza.
Esa gran fortaleza inclúe estruturas medievais e outras posteriores, como o Palacio dos Condes de Monterrei, a igrexa ou os diferentes casaríos, estruturados todos eles por espazos abertos, rueiros e os camiños que, ladeiras abaixo ata o norte ou o sur, establecen unhas peculiares e especiais relacións espaciais con base na topografía natural e estratéxica orixinal (o ambiente).
(...) Por iso, se a patrimonialización cultural deste amplo e complexo Ben de dimensión territorial se caracteriza só como Castelo ou como Fortaleza estaríanse a limitar a súa comprensión adecuada e, polo tanto, o conseguinte acceso cultural a ese Ben. Iso implicaría, ademais, que se estaría a comprometer a súa axeitada protección, conservación e restauración compatibilizadas cos procesos e usos históricos que o xeraron.
(...)
 (...) a Lei do patrimonio cultural de Galicia reclama para este tipo de bens construídos a consideración de Conxunto Histórico ou a de Sitio Histórico.
A de Conxunto Histórico parece a que máis se adecúa xa que a súa definición é a dunha “agrupación de bens inmobles que forman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, condicionada por unha estrutura física e representativa da evolución dunha comunidade humana, por ser testemuño da súa cultura ou constituír un valor de uso e gozo para a colectividade, aínda que individualmente non teñan unha especial relevancia”. Que ese conxunto é vivenciado pola cidadanía como depositario dunha parte da súa cultura e que lle confiren un valor de gozo propio é evidente, polo que se cumpre a esencia da definición de lei, pero é que, ademais, neste caso, esa agrupación de bens ten tamén especial relevancia.
(...)
De cara á súa conservación e protección, debe comezarse pola elaboración dun Plan Especial de Protección e Rehabilitación para o Conxunto e, nos casos dos inmobles excepcionais, a redacción ou finalización do correspondente Plan Director. (...)
En calquera caso, o proxecto de intervención debería redactarse, revisarse neste caso, dende as cautelas, orientacións e consideracións propostas por eses plans ou informes sectoriais pre-proxectuais (Plan Especial e Plan Director).
(...)
3.2. O Plan de Usos no Palacio dos Condes e as obras actualmente en curso no conxunto histórico de Monterrei
 (...) a priori é indubidable que todo o conxunto de Monterrei debería ser obxecto dunha posta en valor, restauración ou rehabilitación que impida a súa progresiva ruína, aspecto en que xa incidía no seu momento o estudoso de Verín e Monterrei Xesús Taboada Chivite (...).
(...)
Tal e como comentamos nas reflexións anteriores, establecer un Plan Director e/ou Plan Especial ou unha figura similar sería moi aconsellable como punto de partida antes de promover ou continuar calquera outro tipo de actuación.
(...)
Respecto á idea de dispor dun hotel dentro do Palacio dos Condes e doutras edificacións, como se pretende no proxecto actual, á vista dos datos de que dispoñemos e tendo en conta a entidade do elemento co que estamos a tratar, o seu valor histórico, a súa significatividade construtiva e histórico-artística, o seu papel na paisaxe fortificada transfronteiriza ou a súa entidade patrimonial e conformadora dun ámbito e dunha contorna ou un ambiente, dende a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG non cremos que este sexa o uso máis adecuado para rehabilitar o lugar.
(...)
Consideramos que as obras deberían revisarse dende os criterios que estamos a expoñer para determinar se son ou non compatibles con usos históricos dos espazos e fábricas do Castelo e aclarar se teñen en conta a condición de BIC non só do edificio en si, senón do Conxunto Histórico, que tamén debería ser BIC, e dilucidar se, en efecto, é un hotel o uso máis axeitado nesa localización no ámbito interior do Conxunto Histórico que de facto é o de Monterrei.
(...)
4. PROPOSTAS E CONCLUSIÓNS

4.1. Propostas
Consideramos que este informe debe entenderse non só como unha reflexión ou unha crítica ante unha actuación concreta, xa iniciada, sobre un Conxunto Histórico da magnitude do Castelo de Monterrei, senón que debe servir tamén para establecer un proceso de debate, posiblemente esquecido ata o momento, sobre que supón o Castelo de Monterrei na súa contorna, como arquitectura, como elemento histórico ou como fito paisaxístico; sobre as relacións que se producen entre este elemento, a paisaxe onde se implanta e a cidadanía que o percibe e que o vive; sobre cal debe ser a súa función no territorio como fito cultural; sobre cal debe ser o seu uso; sobre como mantelo e sostelo...
(...)
Dende a Sección propoñemos, á vista de todo o comentado, dúas liñas de actuación:
1. Establecer cal é a figura de protección máis adecuada para este Castelo e o conxunto onde se localiza e levala a cabo.
2. Reconsiderar criticamente a actuación iniciada e establecer un período de reflexión aberto que acolla a todos os axentes implicados nunha toma de decisión tan importante como é un cambio de uso tan significativo nun espazo arquitectónico e nun conxunto deste tipo, xa que ese cambio de uso pode modificalo definitivamente de cara ao futuro.
(...)
(...) á hora de compatibilizar os usos dunha rehabilitación, é conveniente incidir na necesidade de entender esta paisaxe, este conxunto, como o resultado dun proceso histórico, funcional, cultural, económico e tamén simbólico, non como pequenas parcelas con sentido unicamente individual. Calquera cambio que se faga en Monterrei, no Castelo de Monterrei, afectará a totalidade desta unidade paisaxística, deste conxunto histórico.
(...)
 (...) Cremos que se poden establecer varios niveles de significado en toda esta paisaxe, e con eles varias figuras de protección. O primeiro, o BIC no que quedarían incluídas tanto o Castelo, as estruturas da fortaleza como os conventos da Compañía e de San Francisco, que forma unha unidade defensiva, que queda perfectamente individualizada nos diferentes planos do século XVIII.
Un segundo nivel de significado, tamén defensivo, acolle outras construcións situadas na dorsal que tiñan como obxectivo o control do val do Támega e das distintas vías de entrada a Galicia dende Portugal e Castela.
(...)
4.2. Conclusións
1. Consideramos necesario facer unha declaración de Conxunto Histórico que protexa este elemento territorial, que, como xa vimos, ten unha grande importancia histórica, arquitectónica, arqueolóxica, artística e, por suposto, patrimonial, para Monterrei, a comarca, a fronteira, a provincia de Ourense e, por suposto, Galicia, xa que é un dos exemplos máis importantes da nosa arquitectura militar medieval e moderna. Neste sentido, consideramos que a súa transformación nun espazo de novos usos debería implicar un proceso importante de reflexión que se debe levar a cabo de forma colexiada e colectiva, contando con todos os axentes implicados: administracións, xestores, investigadores e, por suposto, os veciños do val de Monterrei.
2. Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento; de feito, no ámbito do mesmo Conxunto Histórico habería cando menos tres edificios diferentes moi importantes dedicados a uso hoteleiro, e, ademais, na nova localización, reducirase á metade a oferta de habitacións coas que conta actualmente o parador. Desde o noso punto de vista, talvez sería máis atinado facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo, elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detallados estudos previos e que incida no seu papel como elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico-cultural e complemento do espazo hoteleiro. Esta podería ser unha vía alternativa, aínda que tamén poderían existir outras, tales como investigar e restaurar-conservar as estruturas e fábricas defensivas e residenciais do casarío e dos espazos vilegos coa ollada posta, por exemplo, no que se fixo en Valença do Minho, outro Conxunto e asentamento transfonteirizo.
3. Entendemos que o Castelo de Monterrei é un exemplo máis do importante arraigamento que se dá a miúdo entre a cidadanía e o seu patrimonio, do que ela é depositaria e co que ten uns importantes lazos de identidade. Seguro que os axentes máis directamente responsables do proceso de patrimonialización deste Ben, a cidadanía, non se oporán a que se fagan obras que son necesarias no Castelo e na fortaleza, nin a que se rehabilite e se poña en uso, xa que unha arquitectura en desuso é unha arquitectura “morta”. Todos somos conscientes de que a vivencia dos valores dun Ben é,  sempre, mellor a través do seu uso, pero o que parece que é claro e que esa cidadanía non quere calquera destino para o seu patrimonio fidelizado. Os veciños e as veciñas de Monterrei, Verín, Pazos, Mixós, Vilaza, Oímbra, Albarellos, Tamaguelos, Mourazos... séntense identificados co “Castelo de Monterrei” porque non deixa de ser unha icona na súa paisaxe real e imaxinaria.
Por último, propoñemos que, antes de continuar as obras no sentido do proxecto reformado, sería oportuno ter en conta as consideracións deste informe.

Neste sentido, o Consello de Cultura Galega, como ten feito noutras ocasións, está aberto á realización de “conferencias de consenso”, orientadas á procura da converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións que este “debate público” reportou aos procesos culturais de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario